Coles
Concello da comarca e da provincia de Ourense, situado no S da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello da Peroxa, ao L co do Pereiro de Aguiar, ao S co de Ourense, e ao O cos de Amoeiro e Vilamarín (todos eles da comarca de Ourense). Abrangue unha superficie de 38,1 km 2 cunha poboación de 3.257 h (2007), distribuída nas parroquias de Albán, A Barra, Cambeo, Coles, Gueral, Gustei, Melias, Ribela, Santa Mariña de Albán, Santo Eusebio da Peroxa e Ucelle. Da parroquia de Gueral, que pertence na súa maior parte ao concello da Peroxa, só se inclúe en Coles o lugar de Moure. A capital é o lugar de Vilarchao, na parroquia de Santo Eusebio da Peroxa, situado a 42° 24’ 50’’ de latitude N e 7° 50’ 2’’ de lonxitude O, 103 km aoó SL de Santiago de Compostela e 9 km ao N do centro de Ourense. Está adscrito ao partido xudicial e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O termo municipal de Coles está baixo o dominio climático oceánico-mediterráneo. Situado no val do río Miño e rodeado de montañas, os rexistros termopluviométricos vense influenciados por este factor topográfico, especialmente no que respecta ás relativamente baixas precipitacións e ás altas temperaturas do verán. A temperatura media anual é de 14,8°C. A media do mes máis frío (decembro) é de 7,8°C e a de xullo é de 22,6°C. A amplitude térmica extrema chega aos 26,5°C. O número de días libres de risco de xeadas é de 224. A precipitación anual media é de 792 mm. O réxime de distribución estacional amosa unha acusada seca estival: no verán só se recolle o 11,4% do total anual, mentres que no inverno e no outono se rexistran, respectivamente, o 36,1% e o 32,4% das precipitacións. Pola súa parte, a primavera adopta un comportamento de estación de transición e mantense en valores intermedios (20,1%). A distribución do relevo no termo municipal de Coles responde á alternancia entre a ribeira do Miño, estreita franxa comprendida entre os 100 m e os 300 m de altitude declarada espazo natural, e unha serie de pendentes que ascenden progresivamente cara ao NO, cunha altitude comprendida entre os 300 m e os 700 m. Nas ribeiras do Miño, no sector con orientación NL-SO, a principal elevación corresponde ao monte Chelo, na parroquia de Melias, con 333 m de altitude. No resto do territorio destacan a Madalena (452 m, entre as parroquias de Gustei e Coles) e Santa Águeda (682 m, na parroquia de Gueral, no límite cos concellos de Vilamarín e A Peroxa). A rede fluvial está articulada polo río Miño, neste tramo ocupado polo encoro de Velle, que discorre polas parroquias de Santo Eusebio da Peroxa, Melias e Ribela. O río da Barra é, dentro do concello, o primeiro afluente do Miño; segue unha dirección NO-SL e atravesa as parroquias da Barra e Santo Eusebio da Peroxa, como límite do termo municipal da Peroxa. O segundo río en verter no Miño é o Gustei, que drena o O do concello e, tras seguir unha dirección practicamente meridiana, atravesa as parroquias de Gustei, Ribela e Melias, e recibe pola esquerda o rego de Vilarnaz procedente da parroquia de Cambeo.
Xeografía humana
A evolución demográfica deste concello dende 1887 caracterizouse por unha tendencia xeral descendente, aínda que comparada con outros municipios do interior este retroceso seguiu un ritmo moderado, influenciada sen dúbida pola veciñanza coa cidade de Ourense. Rematou o s XIX con 5.273 h (1900) e ata 1920 a súa poboación descendeu seguindo un ritmo moi pausado; retrocedeu só cunha taxa media do -0,34% anual. Nas décadas seguintes, entre 1920 e 1940, a poboación estabilizouse, cun crecemento cifrado nun 0,01% anual. A evolución destes anos amosa o comportamento dun municipio rural que acusa a proximidade da cidade de Ourense, modera as súas perdas en tempos de emigración pero non aproveita os anos en que esta se detén ao perdurar un limitado éxodo cara a Ourense. A partir de 1940, as perdas demográficas continuaron cunha intensidade moderada: leve nos anos corenta (taxas medias do -0,34% anual) e máis acusada entre 1950 e 1970 (-1,37% anual). Non obstante , esta tendencia volveuse frear nos anos seguintes (entre 1970 e 1996 as perdas demográficas anuais foron da orde do -0,47%). Desde os anos corenta estas cifras volveron amosar as consecuencias dos embates da emigración, especialmente nos anos cincuenta e sesenta, que coincidiron coa reactivación da emigración cara a Sudamérica e o inicio dos fluxos cara aos países de Europa Occidental, pero de xeito máis moderado se se compara con outros municipios rurais debido ao efecto atenuante derivado da proximidade á cidade das Burgas. Non obstante , o final do s XX e o comezo do s XXI marcan unha tendencia a alza pois pasouse dos 3.082 h en 1996 a 3.171 h en 2001 e 3.257 h en 2007,o que supón un aumento do 5,67% en pouco máis de 10 anos. Non obstante , en 2006 o crecemento natural da poboación continuaba sendo negativo (-7,6‰) froito dunha baixa natalidade (5,9‰) e unha elevada mortalidade (13,5‰), reflexo do avellentamento da poboación. Os menores de 20 anos representan só o 10,8% da poboación, fronte aos maiores de 65 anos que son o 29,7%; o grupo intermedio representa o 59,5%. A distribución por sexos amosa está practicamente equilibrada: 50, 32% de mulleres e 49,67% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Coles é do 45,9% (56% a masculina e 36,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,2% (51,2% a masculina e 31,3% a feminina) e a taxa de paro é do 10,3% (8,5% a masculina e 13,1% a feminina). O sector primario ten unha importancia moderada, pois as actividades agropecuarias só constitúen a principal ocupación do 6,2% da poboación traballadora. Non obstante , na consideración xeral do sector é preciso computar o fenómeno da agricultura a tempo parcial en explotacións domésticas orientadas ao autoconsumo das unidades familiares, desenvolvida de xeito alleo ás estatísticas oficiais. Cómpre insistir na importancia desta produción como complemento das rendas familiares, feito que se acentúa ao ser un municipio da inmediata periferia de Ourense, co que as oportunidades de emprego noutros sectores son elevadas. A superficie agraria útil representa o 39,47% do territorio municipal. Os principais cultivos son o millo, a pataca, as forraxes e o viñedo.. De xeito secundario, destacan o centeo e a horticultura. Os pastos esténdense por boa parte do concello, por 445 ha da superficie municipal. Polo que respecta á gandería, o armentío bovino ten unha dimensión moderada, pois só conta con 513 cabezas (2007) dedicadas fundamentalmente á produción cárnica. O gando porcino está bastante estendido (25 prazas reprodutoras e 700 de cebo, 2005) nas abundantes granxas, adheridas en boa media á cooperativa COREN. A industria dálle emprego ao 23,5% dos traballadores residentes no concello. Destaca a profusión de empresas radicadas no concello, debido fundamentalmente á proximidade da cidade de Ourense, feito que ademais lle proporciona ao sector un grao de diversificación elevado. Destacan as fábricas de mobles Cosman e Fasigall; e as empresas madeireiras Maderas Cordeiro e Portas Artesanas. A construción emprega o 10,8% da poboación ocupada, que traballa predominantemente na edificación na cidade de Ourense e na súa periferia urbana (fundamentalmente na Valenzá en Barbadás). O sector terciario é a primeira fonte de emprego co 59,5% dos traballadores, especialmente no comercio do municipio. Tamén son numerosos os residentes que se desprazan dirariamente a Ourense para desenvolver a súa actividade laboral ou profesional neste sector. A súa situación na inmediata vecindade de Ourense determina a abundancia de vías de comunicación que atravesan o seu territorio: entre as estradas destacan a nacional N-525, que facilita a súa comunicación con Ourense e Santiago de Compostela, a nacional N-540, que a comunica con Chantada e Lugo, ademais dunha serie de estradas locais que o enlazan con Amoeiro e A Peroxa. Por último, a vía de ferrocarril Monforte de Lemos-Ourense atravesa o seu territorio, que conta cunha estación en Barra de Miño, na parroquia de Santo Eusebio da Peroxa.
Historia
A presenza de poboadores de orixe prerromana nesta área parece probada polo achado de restos de vivendas e defensas nos castros de Santa Águeda, A Mandela e Ferreiras. Durante a Idade Media constituíuse nesta comarca o arcediagado de Búbal (s XII), co que se situaba parte do territorio baixo a influencia dos centros monacais de Santo Estevo, Oseira e Celanova. As ordes militares fixéronse presentes dende a encomenda da orde de Santiago, que irradiou a súa influencia. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Coles pertencían ás xurisdicións da Barra (parroquias da Barra e Ucelle), Gustei (parroquia homónima), Melias e Ribela (Coles, Melias e Ribela) e A Peroxa (Albán, Cambeo, Santa Mariña de Albán e Santo Eusebio da Peroxa). O dominio sobre estas xurisdicións -que estaban representadas en cortes pola provincia de Ourense- repartíase entre o poder señorial e o eclesiástico. A xurisdición de Melias e Ribela correspondíalles aos condes de Lemos, aínda que compartían o señorío da parroquia de Melias co mosteiro cisterciense de Oseira e os veciños de Ribela eran parcialmente donos do seu destino, nunha relación peculiar co seu señor. A Peroxa permanecía baixo a autoridade do conde de Ribadavia. O cabido catedralicio da sé ourensá administraba Gustei e a encomenda da Barra, da Orde de Santiago, facía o mesmo sobre a xurisdición homónima. En 1812, coa promulgación da Constitución de Cádiz, suprimiuse a administración señorial e substituíuse por unha organización municipal, que se concretou neste territorio na creación dos concellos de Gustei e Melias, adscritos á provincia de Galicia. Non obstante , en 1814 o Rei Fernando VII derrogou a Constitución e restaurou o Antigo Réxime e, como consecuencia, a organización territorial baseada en xurisdicións señoriais. En 1820, tralo pronunciamento do coronel Riego, reemprendeuse a senda constitucional, que permaneceu vixente ata 1823. Daquela rehabilitáronse os concellos de Gustei e Melias que, a partir de 1822, se integraron na nova provincia de Ourense. En 1823 un segundo decreto derrogatorio da Constitución, volveu restaurar o Antigo Réxime. A implantación definitiva do municipalismo produciuse en 1835, data na que se constituíu o concello actual de Coles.
Patrimonio cultural
Do patrimonio arquitectónico do concello sobresae a igrexa románica de Santiago de Gustei, situada no Camiño de Santiago e construída a finais do s XII ou no inicio do s XIII. Conservan restos da época románica as igrexas de San Paio de Albán (na que destaca a imaxe da Virxe do tímpano da porta principal), de Ferreiros (na parroquia de Santo Eusebio da Peroxa), de San Miguel de Melias e San Xillao de Ribela. En San Paio de Albán está a torre de Albán, reconstruída no s XV. Consérvanse, ademais, un gran número de construcións pacegas. O pazo de Fontefiz, en Ucelle, -que depende da consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria-, é sede do Centro de escolma e reprodución de especies autóctonas de gando bovino; no seu interior destaca a escaleira nobre realizada en pedra. En Santo Eusebio da Peroxa localízase a casa de Lagariños, na que destaca a muralla que a pecha. En Ribela está o pazo de Malvedo, no que sobresae a fachada principal cunha portada de arco de medio punto e un corredor na parte superior, e a casa Grande de Vilanova, con planta en forma de U. Na Barra, finalmente, cómpre mencionar o pazo de Vilanova de Arroxo. Entre as festas que teñen lugar no concello sobresaen a romaría gastronómica de San Román, en Cambeo, coa degustación de carne ao caldeiro, polbo, pan de Cea e viño da terra; a romaría de Santiago, en Gustei; as festas da Follateira, en Vilarchao; e as festas de San Miguel en Melias.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Ourense |
| Extensión | 38 Km2 |
| Poboación Total | 3257 h |
| Poboación Homes | 1618 h |
| Poboación Mulleres | 1639 h |
| Densidade de poboación | 85.71 h/Km2 |