colibrí
(
-
s
m
[ANIMAL/ORNIT]
Nome dado a diversos xéneros de paxaros pertencentes á familia dos troquílidos. A maioría das especies miden menos de 5 cm de lonxitude corporal e presentan a cabeza, a cola e as alas proporcionalmente grandes respecto ao corpo, mentres que as patas e os pés son moi pequenos. A estrutura ósea da ala é moi reducida e o tamaño débese fundamentalmente ás longas remeiras primarias. O peteiro é longo e fino, e chega a alcanzar nalgunhas especies a lonxitude da cabeza, do corpo e da cola xuntos. A lingua é delgada e alongada, esténdese máis alá do extremo do peteiro, e ten os bordos enrolados en forma dun tubo dobre co que suciona o néctar. A plumaxe presenta tonalidades iridescentes e na maioría das especies é de cor verde ou azul viva, coa gorxa, a cima da cabeza e a parte inferior das alas vermellas acastañadas. Os machos dalgunhas especies teñen grandes e aparatosas plumas. O seu voo, de tipo vibratorio, ten unha frecuencia de movemento das alas de 10 veces por segundo nas especies de maior tamaño e de 70 veces por segundo nas máis pequenas, feito que lles permite permanecer inmóbiles no aire ou mesmo voar cara a atrás. Mantéñense fixos e en voo diante das flores das que extraen o néctar. Tamén capturan insectos e arañas, especialmente as especies que viven en medios pobres en plantas ornitófilas. Cando o macho galantea a femia, mostra a parte inferior das alas e da cola, que presenta unha coloración máis rechamante. O niño está feito de mofos, liques e arañeiras que apañan en voo; poden ser planos, ter forma de cunca ou poden estar suspendidos da vexetación. Poñen dous ovos relativamente grandes e elípticos e os pitos cóidanos as femias. Habitan exclusivamente no continente americano, desde Canadá ata o S de Arxentina, aínda que a maioría das especies se concentran nas zonas tropicais. Moitas especies que crían no norte do continente son migradoras. Existen 123 xéneros e unhas 320 especies de colibrís.
-
colibrí aguia
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 12 cm de lonxitude, de peteiro moi curvado e longo, apropiado para alimentarse de flores como as do xénero Heliconia. Habita en selvas de Costa Rica e do norte de Perú.
-
colibrí andino
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 14 cm de lonxitude, coa cabeza de cor verde iridescente, peito branco e ventre negro. As femias son territoriais, fabrican o niño en paredes e nos cantís da alta montaña andina, dende Perú ata Arxentina e Chile. Durante a noite reducen a temperatura corporal para diminuír o gasto enerxético.
-
colibrí bicocurto
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 8 cm de lonxitude, co peteiro moi curto e cunha plumaxe brillante de cor púrpura. Aliméntase de insectos nas marxes dos bosques andinos, dende Venezuela e Colombia ata Bolivia.
-
colibrí californiano
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 9,5 cm de lonxitude, de cabeza escura e gorxa de cor vermella iridescente. Na época de cría distribúese pola costa oeste norteamericana e no inverno desprázase cara ao S ata Centroamérica.
-
colibrí calzado
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 12 cm de lonxitude, de peteiro recto, plumaxe de cor verde iridescente, e patas cubertas por plumas crechas alaranxadas. Os machos teñen a cola moi longa e bífida, coas puntas ensanchadas. Vive nos Andes, dende Venezuela ata o sur de Bolivia.
-
colibrí castaño
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 10 cm de lonxitude, de cor acastañada, coa gorxa vermella iridescente e o peito branco. Aliméntase de néctar nas plantas das matogueiras e distribúese polo oeste de Norteamérica.
-
colibrí cometa
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 19 cm de lonxitude, de plumaxe verde iridescente, co extremo das alas negro e a cola, longa e bífida, de cor vermella con bandas negras. Distribúese en matogueiras no límite superior da selva andina de Bolivia ata o NO de Arxentina.
-
colibrí cristado
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 9 cm de lonxitude, coa plumaxe dorsal de cor verde iridescente e as partes inferiores de cor azul cobalto. O macho presenta unha curupela longa e fina. Vive no sotobosque do SL de Brasil e no NL de Arxentina.
-
colibrí de peteiro de espada
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 25 cm de lonxitude, coa plumaxe iridescente de cor verde acastañada e peteiro de máis de 15 cm, que debe manter levantado cando se pousa para descansar debido á súa lonxitude. Aliméntase de flores colgantes, como as de árbores do xénero Datura, e distribúese polos Andes, dende Venezuela ata o sur de Bolivia.
-
colibrí de rabo longo
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 9 cm de lonxitude, de cola moi longa e bifurcada, co extremo máis ancho. Distribúese no SL de Venezuela e no L de Brasil.
-
colibrí dourado
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 10 cm de lonxitude, coa plumaxe dourada. Vive en espacios abertos, especialmente en ambientes húmidos, e aliméntase de néctar e insectos. Distribúese dende Venezuela ata o S de Brasil.
-
colibrí ermitán
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 13 cm de lonxitude, de peteiro longo e curvado, presente dende Costa Rica ata Perú.
-
colibrí escamoso
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 10 cm de lonxitude, de plumaxe iridescente de cor verde, gorxa violeta e o peito cunha franxa de cor branca. Está presente no L do Brasil.
-
colibrí topacio
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 19 cm de lonxitude, co corpo de cor vermella, gorxa amarela e cola longa e bífida. Está presente dende o SL de Venezuela ata o N de Brasil, ademais do L de Ecuador.
-
colibrí tucuso
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 12 cm de lonxitude, de plumaxe verde iridescente, coa gorxa, o ventre e cola azulados. Está presente nos Andes, dende Venezuela ata Arxentina.
-
colibrí xamaicano
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 25 cm de lonxitude, de peteiro longo, recto e de cor vermella; presenta unha cola moi longa con plumas onduladas e a crista pequena e atrasada. Constitúe unha especie endémica da illa de Xamaica.
-
colibrí xigante
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 23 cm de lonxitude, propio dos Andes, desde Ecuador ata Chile.