Coliseo de Roma
Grande anfiteatro da Roma clásica. Edificado en tempos dos Flavios, comezouno Vespasiano no ano 72, inaugurouno Tito no 80 e rematouno Domiciano no 82. Ata o s VIII coñecíase como Anfiteatro Flavio, pero a partir desta data comezou a ser coñecido como Colosseum, polas súas dimensións ou a causa dunha estatua colosal do Emperador Nerón alí erixida. Tiña cabida para 50.000 espectadores aproximadamente. O exterior ten catro pisos con arcadas decoradas con medias columnas con tres ordes superpostas: dórica, xónica e corintia; o piso superior, sen arcadas, está decorado con piares corintios. Unha parte das arcadas derrubouse por diversos terremotos. O edificio serviu como fortaleza durante os ss VI-XI e, posteriormente, as pedras de travertino, caídas ou arrancadas, serviron de material para outras construcións. O Papa Benedicto XIV consagrouno como lugar de martirio no 1744.