collatio codicum*

collatio codicum*
[FILOL]

Fase da edición crítica (incluída na recensio) que consiste en determinar a filiación das distintas versións que se conservan dun texto orixinal (manuscrito ou impreso) antigo, clásico ou medieval. A collatio realízase mediante a comparación sistemática das distintas lecturas transmitidas polos códices que conteñen un mesmo texto. A finalidade deste proceso é determinar as variantes existentes entre as distintas versións, descubrir posibles contaminacións, proceder á eliminación dos testemuños que son copias directas ou indirectas doutros conservados (eliminatio codicum descriptorum) e, nun proceso posterior, determinar cál é o manuscrito base sobre o que se vai realizar a edición (codex optimus).