collegia*

collegia*
s m pl

Corporacións profesionais obrigatorias na antiga Roma para exercer un oficio que xurdiron na etapa monárquica. Existían diferentes especies de collegia, os máis vellos estaban formados polos individuos dedicados ao culto, como os pontífices, os augures, os flamens, os feciais e as vestais, que formaban corporacións relixiosas denominadas collegia templorum. Os collegia opificum ou societates derivan das asociacións formadas polos plebeos para acadar vantaxes similares ás dos patricios. Co paso do tempo perderon a súa función primitiva, da que conservaron unicamente o carácter industrial ou comercial, e recibiron o nome de “corporacións”. Outros collegia teñen unha orixe diferente da profesional. É o caso dos collegia sodalitia, que naceron como reunións de amigos e evolucionaron ata dedicarse á militancia política, ámbito no que chegarían a influír notablemente na elección de maxistrados; e tamén dos collegia tenuiorum, que lles proporcionaban axudas aos seus membros e cubrían os gastos do enterro.