colobo

colobo

(< lat científico Colobus)

  1. s m [ANIMAL]

    Primate do xénero Colobus, da familia dos colóbidos, de tamaño grande, formas esveltas e rabo moi longo, pero non prénsil. A lonxitude do corpo, sen ter en conta o rabo, oscila entre os 56 e os 76 cm. Ten as extremidades anteriores e posteriores máis ou menos da mesma lonxitude, presenta calosidades isquiáticas e o seu pelame é de cores variables. De costumes arborícolas, aliméntase de follas e de talos tenros. Habita nas selvas da África tropical e ecuatorial.

  2. colobo branco e negro de Abisinia [ANIMAL]

    Primate de ata 76 cm de lonxitude de corpo, de cor en xeral negra, cun manto branco que se estende dende os ombreiros ata o inicio da cola e polas patillas; a barba e a parte terminal da cola tamén son brancas. Vive nas selvas da conca do río Congo e dos Grandes Lagos. Tamén se coñece co nome de guereza.

  3. colobo branco e negro de África occidental [ANIMAL]

    Primate de ata 66 cm de lonxitude de corpo, de cor xeralmente negra, coas patillas e a parte dianteira agrisadas e coa cola enteiramente branca e sen guedella terminal. Vive nas altas selvas e na sabana de Guinea ao longo das ribeiras dos ríos.

  4. colobo branco e negro de Angola [ANIMAL]

    Primate de ata 76 cm de lonxitude de corpo, de cor en xeral negra, cun conxunto de longos pelos brancos sobre os ombreiros, coas patillas brancas e a cola distalmente branca. Vive nas selvas e nas galerías da cubeta do río Congo.

  5. colobo ferruxento [ANIMAL]

    Primate de ata 71 cm de lonxitude de corpo, de cor negra ou gris escura na parte superior e avermellada na inferior, co nariz dirixido cara a arriba sobre o beizo superior engrosado. Vive nas altas selvas de Guinea.

  6. colobo negro [ANIMAL]

    Primate de ata 76 cm de lonxitude de corpo, de cor enteiramente negra e cola sen guedella terminal. Vive nas altas selvas do S do golfo de Guinea. Tamén se coñece co nome de mvon.

  7. colobo verde [ANIMAL]

    Primate de ata 56 cm de lonxitude de corpo, de cor verdosa na parte superior e agrisada na inferior, coa cola como a parte superior pero máis agrisada por debaixo e con dúas manchas grises na fronte. Vive nas ribeiras dos ríos, nas selvas pantanosas e entre as matogueiras das altas selvas de Guinea.

  8. colobo vermello [ANIMAL]

    Primate de ata 71 cm de lonxitude de corpo, de cor xeral entre avermellada e parda, cunhas manchas negras nos ombreiros e coa parte inferior que oscila dende a cor branca ata a gris. Vive nas altas selvas e galerías da cubeta do río Congo.

Palabras veciñas

Colo ou El-Qoll | colóbido -da | coloblasto | colobo | coloboma | colobrina | Colobus