coloide
(
Substancia dispersa nun medio, que se difunde moi devagar e que non pode atravesar as membranas dialíticas, como as solucións verdadeiras. As propiedades fundamentais dos coloides non se deben á súa constitución química, senón ao estado físico de dispersión. As partículas dos coloides teñen unhas dimensións de 0,1 a 0,001 μm e reciben o nome de micelas coloidais. Os coloides non se poden observar co microscopio, polo que tamén se coñecen como submicróns. Destacan tres tipos fundamentais: coloides micelares, constituídos por unha agrupación de moléculas; macromoleculares, formados por unha única gran molécula; e de agrupación macromolecular, integrados por un grupo de macromoléculas. Ademais, segundo o grao de afinidade co medio dispersante, poden ser liófilos (se é moi grande) ou liófobos (se é relativamente pequena). Presentan un movemento típico, o movemento browiano, producido pola axitación térmica. A súa carga eléctrica é tipicamente electronegativa; cando esta se neutraliza prodúcese a floculación do coloide.