colombiano -na
(< topónimo Colombia)
-
adx
Relativo ou pertencente a Colombia ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Colombia.
-
arte colombiana
[ARTE]
Arte producida no territorio de Colombia. Durante os séculos anteriores á época colonial desenvolvéronse neste territorio diferentes culturas. En Huila a civilización megalítica de San Agustín construíu templos formados por un corredor de pedra con cuberta, como o templo da Diosa Madre. No eido da escultura destacan os monolitos antropomorfos, representación das divindades. A cultura calima desenvolveu unha ourivería caracterizada polo emprego da curva e unha escultura de pequenas figuras enmascaradas, representación dos xefes e sacerdotes. Os chibchas crearon os tunjos ou placas cerimoniais, realizadas con finas láminas de ouro que se traballaban sobre placas fundidas, e os vasos cerámicos antropomorfos. Baixo o nome de cultura quimbaya agrúpanse diversos pobos que empregaron variadas técnicas de ourivería para crear figuras humanas e os poporo ou botellóns. A cultura tairona destacou na construción de casas con cimentos circulares e na elaboración dunha ourivería decorada con espirais e curvas. A cultura tolima non tivo unha área concreta de desenvolvemento, xa que se atoparon mostras materiais en diversos lugares. Caracterízase pola creación de motivos antropomorfos ou zoomórficos realizados nunha única peza. En Bolívar desenvolveuse a cultura sinú, caracterizada por unha ourivería decorada con filigrana. En Nariño e en Popoyán destacou a realización de pectorais de ouro coa figura dunha divindade ou dun guerreiro no centro. A arte colonial de Colombia, a diferenza doutros países latinoamericanos, representou unha ruptura coa tradición artística amerindia. O estilo máis empregado na arquitectura foi o Barroco. En Bogotá destacan a catedral e o convento de San Francisco (s XVI) e os templos da Compañía de Xesús, de San Agustín e do Sagrario (s XVIII); en Popayán destaca a igrexa de San Francisco (s XVIII); en Tunja, a catedral (ss XVI-XVII) e o convento de Santa Clara (s XVIII) e en Cartagena de Indias, a catedral (XVI-XVII), a igrexa dos xesuítas (s XVIII) e as fortificacións do s XVIII, obra de Antonio Arévalo. A riqueza da decoración interior dos templos, con artesoados de influencia mudéxar, contrasta coa sinxeleza das fachadas. A influencia do manierismo apréciase en diversas fachadas de Bogotá e Tunja. Durante a época colonial, a pintura desenvolveu unha dobre tendencia; por unha banda, unha pintura relixiosa centrada en Bogotá e, pola outra, a profana, importada de Europa. No s XVI destacaron Francisco del Pozo e Antonio Acero de la Cruz. Gaspar de Figueroa (morto en 1658), o seu fillo Baltasar e Gregorio Vázquez de Arce y Ceballos (1631?-1711), ligados á escola sevillana, foron os pintores máis destacados do Barroco. A escultura colonial, exemplificada nas tallas de madeira de moitas igrexas, floreceu a partir do s XVII sobre modelos españois. A arte do s XIX desenvolveuse baixo a influencia europea. No s XIX construíronse templos en estilo neoclásico, entre os que destaca a catedral de Bogotá, reconstruída por frei Domingo de Pétres (1751-1811). A pintura viviu suxeita ás normas académicas. Floreceron os pintores costumistas, entre os que destacou Ramón Torres Méndez, e os retratistas como Ricardo Bernal, Epifanio Garay e Pantaleón Mendoza. A arquitectura colombiana do s XX interesouse pola súa proxección social e polo urbanismo. A comezos de século desenvolvéronse as tendencias historicistas nas que destacou a igrexa neobizantina de Nuestra Señora del Carmen. Nos anos 40 cómpre destacar a influencia do funcionalismo de Le Corbusier, que visitou Bogotá e participou na planificación da cidade. Entre os arquitectos colombianos destacan Triana, Bermúdez, Héctor Mejía, Rogelio Salmona e o equipo formado por Cuéllar, Serrano e Gómez. No eido da escultura destacou Edgar Negret. A comezos do s XX, baixo a influencia dos pintores mexicanos, a pintura colombiana experimentou unha renovación. Entre os pintores cómpre mencionar a Luis Alberto Acuña, tamén escultor, Pedro Nel Gómez, Carlos Correa ou Ignacio Gómez Jaramillo. Influenciados polas tendencias da arte europea e norteamericana destacan, entre outros, Mario Orsina, Alejandro Obregón, Enrique Grau, Fernando Botero, Gustavo Valcárcel e David Manzur.
-
cine colombiano
[IMAX]
Arte cinematográfica desenvolvida en Colombia. Despois duns inicios documentalistas, o cine colombiano viviu un dos seus mellores períodos durante a década dos anos vinte, con títulos como La María (1921), de Alfredo del Diestro; Aura o las violetas (1922), dos irmáns Di Domenico e, sobre todo, Alma provinciana (1926), de Félix J. Rodríguez. Condicionada pola chegada do cine sonoro, a produción limitouse a documentais de actualidade durante a década dos anos trinta, período que remata co gusto polas comedias musicais. Os anos cincuenta deron paso a unha xeración nova pero pouco interesada pola realidade social do país. Os seus membros máis destacados eran Guillermo Angulo, Julio Luzardo, Jorge Pinto, Álvaro Gonzalez e Francisco Norden. En contraposición, Carlos Álvarez impulsou unha produción abertamente comprometida á que se sumaron Marta Rodríguez e Jorge Silva. A creación da empresa estatal FOCINE, nos últimos anos, reactivou a produción cinematográfica grazas a cineastas como Ciro Durán, Luis Ospina, Carlos Mayolo ou Jorge Alí Triana.
-
literatura colombiana
[LIT]
As primeiras manifestacións da literatura producida en Colombia remóntanse á tradición indíxena, abolida polo efecto da conquista. Posteriormente, durante a época colonial, xurdiron figuras que nutriron as letras colombianas como Hernando Domínguez Camargo (1606-1659), Frei Andrés de San Nicolás (1617-1666), Sor Francisca del Castillo y Guevara (1671-1742) e Francisco Álvarez de Velasco y Zorrilla (1674-1704). Ao remate das guerras da independencia, a produción literaria rexorde da man das tendencias románticas. Destacan, entre outros, José Eusebio Caro (1817-1853), Rafael Pombo (1833-1912) e Jorge Isaacs (1837-1895), autor da novela María (1867). Europa continuaba a ser o polo de atracción e a finais do século, a influencia de Poe, Baudelaire e Verlaine era notoria. Xa se anunciaba o modernismo, primeira corrente literaria na que a produción hispanoamericana se manifestaba orixinal. José Asunción Silva (1865-1896) foi o gran poeta do momento. Posteriormente, Guillermo Valencia Castillo (1873-1943) entrou plenamente na escola de Rubén Darío. Tomás Carrasquilla (1858-1940), desligándose do romanticismo e oscilando entre o costumismo e o realismo, foi o primeiro novelista colombiano de transición. Cara ao 1920 comezou a modernidade colombiana con escritores como Porfirio Barba Jacob, pseudónimo de Miguel Ángel Osorio (1883-1942), José Eustasio Rivera Salas (1888-1928) e León de Greiff (1895-1976). La vorágine (1924) de Rivera, permitiu o nacemento de Cuatro años a bordo de mí mismo (1934), de Eduardo Zalamea Borda, e os movementos que configuraron o comezo do s XX (vangardistas, piedracelistas, cuadernícolas), baixo a influencia do surrealismo, da Xeración do 27 e da novela europea contemporánea. Destacan, ademais, Carlos Holguin (1832-1894), Ricardo Nieto (1879-1952) e César Uribe (1897-1951). Jorge Zalamea e José A. Osorio Lizarazo, nados a comezos do s XX, son os precedentes de poetas e narradores como Fernando Charry Lara (1920), Héctor Rojas Herazo (1921), Álvaro Mutis Jaramillo (1923), Jorge Gaitán Durán (1924-1962), Enrique Buenaventura (1925), Gabriel García Márquez (1927), Premio Nobel de Literatura en 1982, Eduardo Cote Lamus (1928-1964), Germán Espinosa (1938) e Fany Buitrago (1943). Destaca, ademais, a obra de Álvaro Cepeda Samudio, Luis Fayad, Manuel Mejía Vallejo, Manuel Zapata Olivella, Alba Lucía Ángel, Laura Restrepo, Augusto Pinilla, Juan Manuel Roca, Álvaro Rodríguez, Camilo Delgado e Manuel Giraldo. No tocante ao teatro, cómpre mencionar a Santiago García, Carlos Duplat, Víctor Muñoz Valencia e Gustavo Andrade Rivera.