1 colonia

1 colonia

(

    1. s f [HIST/POLÍT]

      Territorio ocupado e sometido, xunto coa súa poboación, por outro pobo ou estado, co fin de iniciar un proceso de explotación dos recursos naturais, da forza de traballo ou como mercado para os produtos manufacturados, en beneficio dos intereses do estado dominante ou colonizador. A vinculación entre a colonia e a metrópole pode ser política, económica ou cultural. Os fenicios e os gregos foron dos primeiros pobos que estableceron asentamentos de carácter permanente coa finalidade de colocar os excedentes de poboación das cidades fundadoras, que se caracterizaban pola independencia política respecto das poboacións de orixe. Os primeiros en establecer colonias de carácter comercial nas costas mediterráneas foron os fenicios arredor do s X a C. Nas costas da Península Ibérica fundaron Gadir, a actual Cádiz, cara ao 1100 a C, e no N de África fundaron as colonias de Cartago e Útica. A expansión fenicia, que acadou o seu apoxeo no s VIII a C, foi continuada pola cidade de Cartago, unha colonia fundada polos fenicios no 814 a C, que se converteu na potencia colonial do Mediterráneo occidental dende o s VII a C. A situación de loita social no seo das cidades estado gregas, a escaseza de terras e a necesidade de ampliar as rutas comerciais provocou unha expansión grega no s VIII a C. Os gregos espalláronse polo occidente, dende o S de Italia, onde realizaron as primeiras fundacións coloniais ao redor do 770 a C, ata a Península Ibérica (600 a C), pero estableceron tamén colonias no Mediterráneo oriental e no Mar Negro. As polis de Esparta e Atenas estableceron os seus imperios coloniais entre os ss VI e V a C; a primeira expandiuse pola zona continental de Grecia, mentres que a segunda se dedicou a crear colonias de cidadáns atenienses en puntos estratéxicos, que conservaban todos os seus dereitos políticos e sociais respecto da metrópole, chamadas cleruquías. En Roma as colonias tiveron tamén un carácter urbano; estaban formadas por cidadáns romanos ou por aliados e establecéronse en territorios conquistados dende o s IV a C, baixo a autoridade do senado primeiro e despois, do emperador. As colonias romanas son froito dunha planificación e caracterizáronse polo vínculo que mantiñan co poder estatal, unido a unha situación estratéxica. Existiron dous tipos fundamentais de colonias durante a República: as coloniae civium romanorum e as coloniae latinae. As primeiras, escasas antes da Segunda Guerra Púnica, exercían o control dos territorios conquistados no nome de Roma. Entre elas atopábanse Antium (Anzio), Puteoli (Pozzuoli) ou Mutina (Modena). As coloniae latinae, poboadas por colonos orixinarios das cidades latinas aliadas dos romanos, serviron de instrumento na colonización de Italia; a esta clase pertencían Ariminum (Rimimi), Placentia (Piacenza) e Aquilea. As colonias romanas, constituídas por veteranos licenciados do exército que recibían un lote de terras froito das requisas, adquiriron un carácter militar coas reformas de Mario; este foi o caso de Arretium (Arezzo), Florentia (Florencia), Pompeia e Capua. Durante o Imperio, só se crearon colonias militares ou asimiladas a elas, pero, a miúdo, os emperadores empregaron o seu poder proconsular e concederon a civitas romana e o ius latini ou o ius italicum a cidades preexistentes de xeito que se incorporaban á organización romana. A maior actividade na fundación de colonias tivo lugar no período republicano e a comezos do Imperio, establecéndose en Hispania durante a República Corduba, Pollentia e Valentia. César estableceu as colonias de Hispalis, Ucubi, Urso, Carthago Nova,Tarraco, e, máis tarde, Augusto fundou Caesaraugusta, Ilici e Emerita, entre outras. As colonias desapareceron case totalmente durante a Idade Media, ata que un grupo de viquingos nos ss IX e X se estableceron en terras estranxeiras e fundaron novas comunidades en Islandia e Groenlandia. A recuperación demográfica do s XI a C alentou o comercio e favoreceu a aparición de novas formas de colonia entre finais do s XII e o s XV, relacionadas coas factorías comerciais dos italianos no Mediterráneo (pisanos, xenoveses e venecianos) e da Hansa nos países do Báltico e do mar do Norte. Estes grupos de comerciantes obtiveron dos soberanos dos países nos que comerciaban o dereito de establecemento dunha cidade ou, polo menos, dun barrio e, en xeral, gozaban dunha ampla autonomía xurídica baixo a responsabilidade do xefe da colonia. As colonias urbanas e mercantís dos venecianos e xenoveses estendéronse polo Mediterráneo ata formar un imperio mercantil no que coexistían territorios dependentes directamente do goberno con feudos propiedade dos patricios e, nalgúns casos, feudos militares. Os descubrimentos xeográficos realizados polos portugueses e españois entre finais do s XV e comezos do XVI, deron como resultado a creación das primeiras colonias en África, América e Asia. As novas colonias soportaron pesados vínculos proteccionistas, unha rede administrativa e xerárquica e un forte control militar, e proporcionáronlle un fluxo constante de riquezas e luxo á metrópole. As colonias españolas e portuguesas tiñan un carácter mixto, pois incluían as poboacións indíxenas dos seus territorios, mentres que os británicos, os franceses e os holandeses practicaron un sistema diferente na fundación das colonias: a compañía con carta. A compañía recibía a concesión dunha zona en exclusiva para a súa conquista e futura explotación, e adquiría como obrigas o mantemento das relacións coa metrópole, a poboación e a administración do territorio, e a evanxelización. A finais do s XVIII emancipáronse as trece colonias británicas de América do Norte (1783) e, a continuación, produciuse a caída dos imperios portugués e español entre 1809 e 1826. Durante o s XIX o liberalismo limitou os monopolios concedidos ás compañías, e a Revolución Industrial e a expansión demográfica de Europa provocaron o nacemento de novas colonias que constituíron imperios baixo a iniciativa do Reino Unido e, en menor medida, de Francia ata a Segunda Guerra Mundial. As formas de control político dos territorios dominados foron moi diversas ao longo da historia colonial dos ss XIX e XX, pois había que harmonizar os intereses da metrópole, dos colonos alí instalados e dos colonizados. Non obstante , a grandes trazos, a administración colonial xirou ao redor da anexión (administración directa), forma adoptada por Francia, España, Italia e Portugal, e a autonomía (administración indirecta), forma escollida por Inglaterra, Bélxica, Holanda, Alemaña e os EE UU. Así mesmo, tamén se estableceron diversos status político-administrativos, entre os que cómpre destacar, ademais da anexión, o dominio, o protectorado, o condominio e o arrendamento. A partir das disposicións da ONU a favor da descolonización, o concepto e a organización das colonias cambiou, e foron aparecendo formas ambiguas de colonialismo: territorios de ultramar, provincias de ultramar, estados asociados, etc.

    2. colonia de explotación / [HIST/POLÍT]

      Territorio dependente dunha metrópole que recibiu un escaso número de colonos europeos, dedicados fundamentalmente a funcións administrativas ou técnicas orientadas á explotación dos recursos agrícolas (produtos tropicais, como o café en Uganda ou Burundi) ou minerais (diamantes, ouro, etc). Foron colonias de explotación a maioría dos territorios da África negra.

    3. colonia de poboamento / [HIST/POLÍT]

      Territorio dependente dunha metrópole que acolleu un gran número de europeos que se asentaron tanto nas cidades coma no rural, onde estableceron grandes plantacións agrícolas e estancias gandeiras. Debido ao seu desenvolvemento económico (chegaron a competir cos produtos da metrópole), e a forza dos colonos europeos, estas colonias axiña reivindicaron a súa autonomía administrativa e foron os primeiros territorios en conseguir a independencia das súas metrópoles. Foron colonias de poboamento Canadá, Australia, Nova Zelanda ou Alxeria.

    4. colonia franquicia / [HIST/POLÍT]

      Territorio dependente dunha metrópole no que os recursos naturais eran explotados por compañías privadas que, coa autorización gobernativa correspondente, establecían un corpo administrativo e militar de seu que gozaba dunha grande autonomía. Foron comúns nos primeiros momentos da colonización africana, sobre todo polos ingleses, alemáns e belgas.

  1. s f
    1. Conxunto de persoas que van dun territorio a outro, nacional ou estranxeiro, para se establecer nel. Unha das características máis importantes que definen a estas persoas é que adoitan manter os vínculos coa terra da que partiron. Ex: Na súa visita a Bos Aires o presidente recibiu os representantes da colonia galega nesa cidade.

      Ex: Na súa visita a Bos Aires o presidente recibiu os representantes da colonia galega nesa cidade.

    2. Lugar ou país onde se establece este conxunto de persoas.

    1. s f

      Conxunto de instalacións separadas da poboación e cunha certa importancia, provisto de diversas dependencias e servicios.

    2. colonia industrial [HIST]

      Conxunto de instalacións industriais separado dos núcleos de poboación, con vivendas para os obreiros e os encargados, igrexa, escola, economato e outras dependencias. As colonias industriais establecéronse no Reino Unido na segunda metade do s XIX, coa intención de aproveitar na súa orixe as fontes de enerxía, en concreto os saltos de auga para mover a maquinaria téxtil. Estas instalacións atópanse tamén en Francia, Bélxica e Alemaña.

  2. s f

    Conxunto de persoas que pasan unha tempada nun lugar diferente ao da súa residencia habitual, xeralmente de veraneo, descanso, etc. Ex: Na costa mediterránea hai moitas colonias de veraneantes estranxeiros.

    Ex: Na costa mediterránea hai moitas colonias de veraneantes estranxeiros.

  3. s f [ZOOL]

    Conxunto de individuos que pertencen a unha mesma especie e que están anatomicamente unidos para formar unha individualidade de orde superior, como é o caso dos corais. Cada individuo realiza unha función específica dentro da colonia, de xeito que non se poden independizar.

  4. s f [ZOOL]

    Conxunto de animais da mesma especie que fan vida en común, como as abellas e outros insectos sociais.

  5. s f [MICROB]

    Agrupación de microorganismos unicelulares, sobre todo bacterias, orixinada pola reprodución dunha bacteria illada nun medio de cultivo sólido ou incluso líquido.

  6. s f [BOT]

    Poboación vexetal situada pouco ou moi lonxe da área principal das especies que a compoñen.

  7. colonia escolar [EDUC]

    Institución iniciada en 1876 polo pastor evanxelista suízo Walter Bion. As contradicións existentes entre o paso dunha sociedade agraria a outra industrial, a influencia do naturalismo, os avances no concepto de educación e o pobre desenvolvemento do ensino en locais escolares con carencias de espacio, iluminación e ventilación, foron algunhas das causas que impulsaron esta experiencia de carácter hixiénico-pedagóxico. En España M. Bartolomé Cossío decidiu realizar a primeira colonia escolar do Museo Pedagógico Nacional en 1887, en San Vicente de la Barquera (Cantabria), á que lle seguiu pouco despois a colonia da corporación de antigos alumnos da Institución Libre de Enseñanza. Dende 1910, as colonias do Museo Pedagógico, dirixidas polos profesores Anxo do Rego e Elvira Alonso Moreno (ambos vinculados á ILE), trasladáronse ao mosteiro de San Antolín de Bedón (Asturias). A Real Orde de 26 de xullo de 1892 sobre colonias escolares levou á Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago a organizar a Primeira Colonia Escolar Compostelá en 1893, no Colexio Apóstol Santiago da Compañía de Xesús, en Camposancos (A Guarda), despois duns días en Vilagarcía. Nunha circular do ano seguinte, o director xeral de Instrución Pública, o galego Eduardo Vincenti, mostrouse partidario das colonias mixtas e recomendou buscar sitios de clima suave ao lado do mar, como Pontevedra, Marín, Vilagarcía, Vilaxoán e Vigo. Entre as colonias relacionadas cos institucionistas galegos, hai que destacar as iniciadas por Xosé López Cortón, Xosé Gutiérrez del Arroyo e Ramón Tenreiro na Lagoa, na estrada de Sada a Betanzos, en 1902; nela participaron nenos procedentes das escolas municipais da Coruña. Estas colonias contaron coa orientación directa de Francisco Giner de los Ríos e de M. Bartolomé Cossío. Máis tarde, creouse o Padroado Local de Colonias, dirixido por Xoán García Niebla e Marcelino Pedreira. Tamén destacan as colonias escolares da Universidade de Santiago, en Rianxo, entre 1923 e 1925, supervisadas polo inspector xefe de ensino primario de Lugo, Manuel Lorenzo Gil. En Vigo, a partir de 1904, o institucionista Fernando García Arenal, xunto con Fernando Conde e Ramón Gil, foron os impulsores das primeiras colonias, primeiro no Carballiño e na Estrada, e logo no Rebullón, en Tameiga (Mos). Dende o ministerio de Instrución Pública, un Real Decreto de 1911 encargáballe a organización das colonias escolares á dirección xeral de primeiro ensino. En Ferrol grazas ao inspector Luciano Seoane Seoane e ao Padroado de Cantinas e Colonias Escolares de Ferrol, a primeira colonia de vacacións trasladouse a Valdoviño en 1927, e, nos anos seguintes, a Cedeira, Piñeiro e A Cabana. En Lugo o inspector Manuel Lorenzo Gil emprendeu as primeiras actividades en 1912, con saídas a Foz e Barreiros. A Revista Vida Escolar informaba en 1927 sobre o labor do Padroado de Protección Escolar lucense e do inspector Luis Soto Menor. En 1928 saían para a praia de Benquerencia un total de 52 nenos e nenas e, en 1932, a colonia veraneaba en Santiago de Reinante. En Pontevedra, a pesar dos esforzos de E. Vincenti dende a Asociación Pedagógica de Maestros, non se celebrou a primeira colonia escolar ata 1925, no edificio que os emigrantes de Lalín en América construíran para destinar a hospital asilo; en 1927 e 1928 trasladáronse a Ponte Caldelas. Entre outros lugares, funcionaron tamén colonias para nenos enfermos e tuberculosos no Sanatorio Marítimo da Lanzada. Mentres, Ourense, por ser zona interior, só se beneficiou do Sanatorio Marítimo Nacional de Oza dos Ríos. Destaca o labor da inspectora Antonia Ortiz na creación de mutualidades escolares na Pobra de Trives e Ribadavia, institucións de carácter económico-social. Coa chegada da Segunda República, incrementouse o número de accións deste tipo. Hai que destacar, mesmo, a incautación dos bens da Compañía de Xesús en Oia, Camposancos e Vigo, para utilizar os seus edificios como lugar para colonias ou para repouso dos mestres. Esta proposición de Fernando de los Ríos, ministro de Instrución Pública no bienio azañista, non prosperou. Despois da Guerra Civil, especialmente nos últimos anos do franquismo, continuouse coa organización de colonias de vacacións, aínda que programadas por institucións diversas. A comezos dos setenta Cáritas interparroquial de Santiago organizou colonias de verán, primeiro en Miño e logo en instalacións propias en Porto do Son. Seguíronlle Cáritas de Ferrol e Lugo. Tamén La Salle, o Seminario de Ourense e as Fillas da Caridade, con estancias en Porto do Son, o Seminario de Santiago na Pobra do Caramiñal, os xesuítas en Camposancos e outros. As iniciativas dos concellos e deputacións danse nos anos oitenta: o concello de Santiago fixo saídas a Boiro e Aguiño; o de Brión ao Grove e, máis tarde, no colexio de Portosín. En Ourense destacaron, entre 1979 e 1985, as colonias da Deputación en Panxón e A Lanzada; entre 1983 e 1987, as do concello da mesma cidade, en Gandarío e San Miguel de Reinante, en locais da Xunta de Galicia, e nos colexios do Pombal (Portonovo, Adina, Sanxenxo) e Darbo (Cangas). A mesma administración educativa participou tamén con desprazamentos aos colexios de Laxe, Boiro e outros. Ademais, as institucións financeiras continuaron co labor iniciado a principios de século. En 1965 naceu un proxecto de colonia de verán denominado Colonia de Montaña, nunha casa propiedade da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, en Ponte Caldelas. Igualmente, en 1967 a mesma entidade puxo en marcha unha nova experiencia, a Colonia de Mar, na zona de Vigo, aproveitando a ausencia dos alumnos do Colegio Hogar San Roque. En ambos os dous casos, a dirección pedagóxica encomendóuselle a persoal especializado da comunidade salesiana; esta experiencia durou ata 1983. Pódese dicir que as colonias conectan cos distintos movementos de tempo libre e xuvenil, así como coas iniciativas parroquiais, que organizan actividades formativas como complemento da actividade escolar.

  8. colonia penitenciaria

    Establecemento penal constituído como unidade de explotación económica agrícola ou industrial, no que os condenados traballan baixo un réxime penitenciario progresivo, aberto e con condicións laborais xerais.

Palabras veciñas

colondro | colondrollo | colonés -sa | 1 colonia | 2 colonia | Colonia | Colonia