Colonna

Colonna

Liñaxe de nobres romanos que remontou a súa orixe ata a familia dos antigos condes de Tusculum (s X). O primeiro membro coñecido da familia foi Pietro (morto en 1108), señor da Colonna, de Palestrina e de Tusculum. Entre os seus descendentes destacan os papas Benedicto VIII (1012-1024), Xoán XIX (1024-1032), Benedicto IX (1032-1044) e Martiño V (1417-1331). Cara ao ano 1225 encabezaron o partido xibelino, enfrontáronse coa familia dos Orsini do partido güelfo e tamén cos Gaetani. Durante a primeira metade do s XIII a familia adquiriu os señoríos de Capranica, Zagarolo e Gallicano. O Papa Bonifacio VIII derrotounos no 1299, pero coa axuda das tropas francesas organizaron no 1303 a captura do papa en Agnani. Co traslado dos papas a Aviñón, recuperaron o seu dominio, que se prolongou durante a primeira metade do s XIV. A chegada ao papado de Oddone, coñecido como Martiño V, aumentou o poder e a influencia da familia no sur de Italia. Desde finais do s XV vinculáronse á política española na península italiana, e o condottiero Prospero Colonna (? 1452 - Milán 1523) serviu primeiro aos franceses e despois combateu xunto cos españois. O seu curmán Fabrizio Colonna (? - 1520) combateu en Cerignola e Garigliano nos exércitos de Fernando V o Católico. O seu sobriño Marcantonio Colonna (Civita Lavinia 1535 - Medinaceli 1584) ocupou cargos destacados no exército (vicecomandante da flota papal na Batalla de Lepanto) e na administración imperial (vicerrei de Sicilia desde o 1577).