Coloquio de vinte e catro galegos rústicos
Entremés escrito polo Padre Sarmiento ao regreso dunha viaxe polo Reino de Galicia no ano 1745, co obxectivo de contextualizar nunha estrutura literaria o material lingüístico que recollera na mencionada viaxe. Aínda que é un texto inacabado que non publicou en vida, constitúe a única obra de creación na que Sarmiento emprega a lingua galega. O manuscrito do que parten os editores é unha copia de 1789, conservada na Biblioteca Nacional de Madrid, titulada Colección de voces y frases gallegas en coplas y un glosario de dichas voces. Composta por 1.201 coplas, a carta que a precede permite fixar a súa elaboración entre 1745 e 1751. Existe outro manuscrito no Museo de Pontevedra con 107 coplas máis, se ben os estudiosos cuestionaron a atribución das mesmas a Sarmiento ao basearse en argumentos lingüísticos. O tema da peza xurdiu do pasamento de Filipe V, primeiro rei borbón español, e da coroación do seu fillo Fernando VI; o autor elaborou un cadro de costumes no que labregos de Pontevedra expresan as súas opinións sobre o asunto. Emprega coplas hexasílabas de catro versos con rima asonante nos pares. A acción dramática vai precedida dun dramatis personae, composto en hexasílabos, no que figuran o nome e o alcume dos vinte e cinco personaxes que interveñen. Preséntase o narrador, un aldeán de Monteporreiro ao que Sarmiento afirma ter coñecido na súa infancia, chamado Tío Marcos da Portela. No limiar explica a xénese da obra e a intención de buscar unha ortografía axeitada para o seu idioma materno, que completa cun comentario lingüístico cos seus coñecementos de etimoloxía, xeografía e historia. A importancia da obra reside no feito de dignificar a fala galega e, ademais, confirma a existencia dunha tradición de entremeses en galego que lle fixo pensar ao autor nesta fórmula para ensaiar os seus coñecementos lingüísticos sobre o galego.