catarismo

catarismo

(

s m [RELIX/HIST]

Movemento relixioso e conxunto de doutrinas dos cátaros. Ten a súa orixe no bogomilismo de Bulgaria, espallado a outros territorios, sobre todo a Occitania, onde os seus adeptos recibiron o nome de albixenses. O catarismo profesaba un dualismo procedente do maniqueísmo e do gnosticismo a través do bogomilismo. Predicaba o desprezo do corpo, rexeitaba o matrimonio e toda relación sexual, así como o consumo dalgúns alimentos. Os cátaros divídense en dous grupos: os perfectos e os crentes. Os primeiros seguen uns principios estrictos, mentres que os segundos normalmente reciben só o consolamentum (‘imposición de mans’) antes de morrer. Practicaban a “fracción do pan” e unha liturxia de pregaria e predicación. A súa xerarquía estaba composta por bispos, anciáns (presbíteros) e diáconos. Para erradicar este movemento, Inocencio III e os seus sucesores promoveron a predicación dos cistercienses e dos dominicanos, apoiaron a actividade da Inquisición, organizaron o Concilio IV de Letrán e chamaron á cruzada contra os albixenses.