coloración

coloración

(

  1. s f

    Acción e efecto de colorar ou colorear.

  2. s f

    Cor que se lle aplica a algo ou cor que adquire unha cousa.

    Ex: A coloración da parede non quedou moi uniforme. A coloración da súa cara delataba un problema co alcol.

  3. s f

    Tonalidade que presenta a cor de algo.

    Ex: Non me gusta moito a coloración verdosa que lle deches a ese moble.

  4. s f

    Conxunto de cores.

    Ex: A coloración que empregou a decoradora non lle pareceu adecuada á dona.

    Sinónimos: colorido.
  5. s f [BIOL]

    Procedemento empregado en citoloxía, histoloxía, microbioloxía e bioquímica para discernir os diversos compoñentes da mostra viva ou fixada sometida a exame. Baséase na capacidade selectiva e diferencial dos compoñentes para reter a materia colorante. A afinidade por un colorante determinado pode ser un carácter fundamental de certas células, como os leucocitos eosinófilos. Os colorantes ácidos son ácidos tinguidos ou os seus sales e empréganse para tinguir as estruturas citoplasmáticas. Os colorantes básicos son bases tinguidas ou os seus sales e empréganse para tinguir diversas estruturas do núcleo celular. Chámase coloración diferencial á que se realiza mediante dous colorantes; o primeiro fíxase en diversas estruturas e resiste o lavado posterior, e o segundo actúa sobre os elementos que non fixara o anterior. Este principio rexe na coloración de Gram, na que a mostra se fixa con calor, imprégnase dunha solución de violeta de xenciana fenicada e unha solución de iodo, lávase con alcohol etílico e sométese a unha segunda tinguidura, chamada de contraste, con fucsina, safranina e eosina. Neste caso, as células que reteñen o primeiro colorante chámanse Gram-positivas e as que quedan con fucsina, Gram-negativas. A coloración de Giemsa emprégase en células fixadas con alcohol metílico e nela distínguese se o citoplasma é basófilo (queda tinguido de azul) ou acidófilo (tínguese de rosa). Na coloración vital inxéctase ou absórbese o colorante en células ou tecidos vivos, in vitro ou no propio organismo. A coloración negativa, empregada en microscopia electrónica, consiste en recubrir o virus ou outra partícula cunha substancia opaca ao paso dos electróns, aumentando deste xeito o contraste.

    Sinónimos: tintura.
  6. s f [PINT]

    Parte do colorido que se compón de tres cores relacionadas e dirixidas por unhas normas estéticas que regulan a súa cantidade.

  7. [ECOL]
    1. coloración de advertencia

      Coloración da superficie externa dun ser vivo que serve para lles mostrar aos posibles depredadores que pode ser perigoso, xa sexa pola presenza de velenos, polo mal sabor ou pola súa capacidade de loita.

    2. coloración protectora

      Coloración da superficie externa dun ser vivo que serve para que a súa presenza pase inadvertida ante posibles depredadores. A ocultación pódese acadar mediante a imitación do contorno (coloración críptica) ou mediante manchas que dificultan o recoñecemento do contorno do animal (coloración disruptiva).

  8. s f [MÚS]

    Termo que na notación antiga designaba o emprego da cor para encher as notas (vermella ou negra) e indicar diferentes valores de duración ou cambios de ritmo.

Palabras veciñas

Colóquio/Letras | Coloquios Satíricos | color | coloración | Colorado | Colorado | Colorado