Comediants, Els

Comediants, Els
[ESPECT]

Grupo teatral creado entre 1970 e 1971 por Joan Font e por un grupo de actores e actrices que se formaron en Barcelona nunha serie de centros alternativos ao Institut del Teatre. Despois dos seus dous primeiros espectáculos, Non, Plus Plis (1973) e Catacroc (1974), estreado nas Jornadas de Teatro de Vigo, decidiron explorar a rúa como espazo de representación, ao tempo que traballaban na recuperación dunha tradición popular de carácter mediterráneo, caracterizada polo clima de festa e polo uso de cabezudos, máscaras, demos, xigantes, música, acrobacias, falabaratos e outros elementos transcendentais como a pirotecnia. Desenvolveron unha liña de traballo baseada na creación colectiva e na investigación a partir da creación de obradoiros onde exploraron diversas linguaxes expresivas. Entre os seus espectáculos máis interesantes hai que destacar Sol Solet (1979), Dimonis (Demos, 1982), Alé (1984), La nit (A noite, 1987) ou El llibre de les bèsties (O libro das bestas, 1995).