Comédie humaine, La [A comedia humana]

Comédie humaine, La [A comedia humana]
[LIT]

Título xeral baixo o que Honoré de Balzac publicou o esencial da súa produción novelesca, entre 1842 e 1848. A visión de conxunto e a técnica empregada parten da publicación de La peau de chagrin (1831) e perfílanse definitivamente con Père Goriot (1834), ao concibir a idea da aparición intermitente dos mesmos personaxes. A obra perfílase como unha gran síntese cósmica e social cunha rigorosa unidade de composición. A primeira parte compóñena os Estudios de costumes e divídese en: Escenas da vida privada, Escenas da vida de provincia, Escenas da vida parisiense, Escenas da vida política, Escenas da vida militar e Escenas da vida rural; a segunda confórmana Estudios filosóficos; e a terceira Estudios analíticos. Traza un amplo abano de tipos sociais, desde o aristócrata ao pequeno comerciante e ao campesiño, e prescinde da clase obreira. A orde cronolóxica dos argumentos vai desde 1308 a 1846, pero a maioría das novelas sitúanse entre a Revolución de 1789 e os últimos anos da monarquía de Xullo, co que se marca o tránsito da Francia feudal ao novo capitalismo que emerxe coa Revolución Industrial, desde unha perspectiva pesimista e crítica. Pretende crear a historia completa da realidade social e económica contemporánea, na que cada capítulo é unha novela e cada novela unha época. O seu ámbito de observación redúcese a París e á Francia setentrional, espacios contrapostos unidos polo valor absoluto do diñeiro. O paso seguinte á representación da sociedade é a busca das causas que propiciaron a situación que se plasma, de aí a concepción dos Estudios filosóficos, que conforman un punto de reflexión. Os dous niveis culminan nos Estudios analíticos coa análise dos principios, amodo de conclusión práctica e sintética, aínda que esta última parte non chegou a desenvolverse por completo. A obra contribuíu a fixar o concepto de novela no s XIX e converteuse no modelo da narración realista-naturalista.

Palabras veciñas

Comedias bárbaras | comedido -da | Comédie Française | Comédie humaine, La [A comedia humana] | comedimento | comediógrafo -fa | comedir