comes*
Dignidade atribuída aos funcionarios imperiais romanos, que formaban o seu consello. No Baixo Imperio, o título aplicábase aos compañeiros ou xentes da comitiva imperial que formaban parte do palatium ou corte e que a miúdo tiñan cargos administrativos ou militares. O emperador romano Constantino I estableceu diversas categorías entre os comes: burócratas, comandantes provinciais, xurisconsultos e dignatarios da corte, entre outros. Os pobos xermánicos asimilaron o comes romano nas súas institucións e no caso dos visigodos conservaron os condes palatinos, os condes con funcións militares (comes exercitum) e os gobernadores de territorios con amplas atribucións administrativas e xudiciais (comes civitatis). Na Alta Idade Media, o cargo de comes perdeu paulatinamente o seu carácter de oficio persoal. Nun primeiro momento limitouse a dúas categorías, o conde palatino, que residía na corte e que ocupaba cargos administrativos do palacio ou do reino, e o comes rei militaris ou comes civitatis, que era enviado a gobernar as provincias, as cidades ou as tropas. Na Alta Idade Media peninsular, o cargo condal de carácter electivo concedéuselle á nobreza de orixe militar xurdida coa monarquía asturiana, que recibiu do monarca unha serie de delegacións de poder nas diferentes circunscricións administrativas.