cometa
(< lat comēta < grκομήτης,de κόμη ‘cabeleira’)
-
s
m
[ASTRON]
Corpo celeste do Sistema Solar, de pequenas dimensións e forma irregular, que describe xeralmente unha órbita de grande excentricidade, polo que só é visible desde a Terra durante a pequena parte da súa órbita en que se achega ao Sol (perihelio) e desenvolve a cola luminosa característica. A imaxinación popular considerou que as aparicións dos cometas eran sinais enviados polos deuses para anunciar catástrofes futuras. Os gregos intentaron dar unha explicación racional do fenómeno: Aristóteles supuxo que os cometas eran simples meteoros atmosféricos e non admitiu que fosen astros análogos aos planetas. O establecemento da verdadeira natureza dos cometas centrouse en tres feitos: en 1535 descubriuse que a cola dun cometa indica sempre a dirección oposta ao Sol; a primeira determinación correcta da distancia a un cometa realizouna Tycho Brache en 1577; finalmente, a aplicación da mecánica de Newton levou a E. Halley a afirmar en 1705 que os cometas observados en 1531, 1607 e 1682 eran aparicións correlativas dun mesmo obxecto celeste, de tal forma que introduciu a idea da súa periodicidade. A sonda automática ICE (1985) e as cinco sondas enviadas para estudar de cerca o cometa Halley en 1986 permitiron fundamentar o modelo correntemente aceptado sobre a natureza destes corpos. Neste modelo, denominado bóla de neve sucia e proposto por Fred Whipple no 1953, o cometa consiste basicamente nun núcleo sólido de pequenas dimensións (1-100 km de diámetro) constituído por unha masa de xeos (de auga, metano, amoníaco e outros), gases (CO, CO 2 , N 2 e outros) e po meteorítico. Ao achegarse ao Sol, a calor evapora os xeos e libera os gases e o po do núcleo, e como consecuencia fórmanse a cabeleira e as colas. A cabeleira ou coma, é a envoltura luminosa de forma esférica que rodea o núcleo. Está constituída por partículas de po e moléculas expelidas polo núcleo, cun radio de 10 5 -10 6 km. Non obstante , o elemento máis característico dun cometa é a cola, que está composta por dous elementos: a cola de po, determinada pola presión da radiación solar e que mostra unha curvatura cara á parte xa percorrida da traxectoria; e a cola de plasma, orixinada pola acción do vento solar sobre os ións que produce a radiación solar no material expelido polo núcleo, de forma rectilínea. Á parte dunha cola anómala, dirixida cara ao Sol, os elementos visibles dun cometa complétanse co halo de hidróxeno, descuberto en 1970. A órbita dos cometas vén determinada pola acción gravitatoria do Sol e polas perturbacións gravitatorias do resto de obxectos do Sistema Solar, en especial dos planetas grandes; é, polo tanto, unha cónica (elipse, parábola ou hipérbole). Pódese distinguir entre os cometas periódicos, que seguen órbitas elípticas e reaparecen periodicamente, e os cometas esporádicos, que teñen órbitas parabólicas ou hiperbólicas e que só aparecen unha vez. Entre os primeiros están os cometas de período curto (inferior a 200 anos), e os cometas de período longo (superiores aos 200 anos). Pero a órbita dun cometa está sometida a modificacións causadas principalmente por dous fenómenos: a perturbación dos planetas grandes, que ocasiona o cambio de órbita, ou a captura dun cometa esporádico nunha órbita solar estable, de xeito que se converten en periódicos. A constante evaporación do núcleo orixina jets que impulsan a rotación do núcleo e provoca cambios na órbita ou no período do cometa. No tocante á súa orixe, a teoría máis aceptada é a que establece que os cometas se formaron ao mesmo tempo que os planetas e son, de maneira similar aos asteroides, restos da formación do Sistema Solar.
-
s
m
[HERÁLD]
Astro representado nos escudos heráldicos en forma de estrela de sete puntas, cunha delas amodo de cola, ondeada e radiante, de lonxitude tres veces maior ca as demais.