Comneno

Comneno

Familia bizantina da que proveñen numerosos dignatarios e emperadores orixinaria da cidade de Comné, próxima a Adrianópolis. O primeiro que accedeu ao trono foi Isaac I (1057-1059), que destronou o derradeiro membro da dinastía macedonia Miguel IV. Os primeiros membros da dinastía, Aleixo I (1081-1118), Xoán II (1118-1143) e Manuel I (1143-1180), restauraron o Imperio, reforzaron o exército e outorgaron territorios aos nobres a cambio dos seus servicios militares. Esta cesión orixinou un proceso de feudalización a costa da burocracia da capital e do poder central. Resistiron os ataques dos rusos e dos normandos ao aliarse cos venecianos e cos cruzados, pero durante o breve goberno do Emperador Aleixo II (1180-1183) a situación empeorou, e os normandos ocuparon Tesalónica. O derradeiro emperador desta dinastía, Andrónico I (1183-1185), morreu en Bizancio. No ano 1204 os netos de Andrónico I, Aleixo e David, fuxiron da invasión dos cruzados e fundaron o Imperio de Trebisonda (Trabzon) na beira sur do Mar Negro. Esta rama da dinastía dos Comneno durou ata 1461.

Palabras veciñas

Communist Party USA | commutatio* | Commynes ] | Comneno | como | Como | Como