compravenda

compravenda

(

  1. [DER]
    1. s f

      Operación de cambiar unha cousa por diñeiro. Trátase dun contrato que transmite a propiedade dun obxecto a cambio dun prezo consistente en diñeiro, en todo ou na súa maior parte, ou dun sinal que o represente. Para que un contrato sexa de compravenda debe ser consensual, bilateral, oneroso, conmutativo e translativo de dominio. Os elementos fundamentais dunha compravenda son: o consentimento das partes, que deben ter capacidade legal para manifestalo e para obrigarse; a cousa obxecto do contrato, que debe ter existencia determinada e ser lícito o seu comercio; e o prezo, que debe ser certo e determinado. As partes do contrato teñen dereitos e obrigas respecto a este: o vendedor está obrigado á conservación da cousa ata o momento da transacción, entregala xunto cos títulos de propiedade correspondentes, garantir a posesión pacífica e útil e aboar os gastos de outorgamento; o comprador debe pagar o prezo sinalado, acoller a cousa vendida e satisfacer os gastos necesarios e os útiles da transacción. Segundo o obxecto da compravenda esta pode ser: civil, se se intercambia un obxecto de natureza non mobiliaria; ou mercantil, se se traspasa unha cousa de carácter mobiliario co gallo de revendela, ben na mesma forma ou ben noutra, con ánimo de lucro. Segundo o carácter da obriga pode ser: voluntaria, se as partes manifestan libremente o seu consentimento; ou necesaria, se é imposta a algunha das partes. Segundo o carácter das partes pode ser pública ou privada. Se a transacción se realiza nunha soa ocasión, trátase dunha compravenda ordinaria; se a entrega se realiza de forma sucesiva e periódica, é unha subministración. O pagamento pode efectuarse ó contado, dunha soa vez, ou a prazos, en entregas sucesivas.

    2. compravenda a proba

      Contrato de compravenda no que se lle concede ao comprador o dereito a ensaiar ou probar a mercadoría, de modo que a consumación do contrato se condiciona a que sexa aceptada por este.

    3. compravenda baixo reserva de aprobación

      Contrato de compravenda no que o comprador só presta o seu consentimento cando recibe e examina a mercadoría. No caso de que non se axuste aos seus intereses, ten a facultade de resolver o contrato.

    4. compravenda en estado de gracia

      Contrato de compravenda no que existe unha reserva por parte do vendedor de recomprar a cousa cando se transmite e que constitúe un contrato típico específico. Diferénciase da compravenda co acordo de devolver en que, xunto coa trasmisión da propiedade, se entrega o dereito de recomprar.

    5. compravenda sobre mostras

      Contrato de compravenda no que a mercadoría comprada toma como referencia obxectiva unha mostra do xénero. Se xorde un desacordo, por considerar o comprador que a mercadoría entregada non se axusta á mostra, as dúas partes nomean uns peritos que decidirán se é ou non de recibo. En caso de que non o sexa, o comprador pode instar á resolución do contrato.

  2. s f

    Comercio que se realiza comprando ou vendendo cousas usadas.

    Ex: Dedícase á compravenda de mobles usados.

Palabras veciñas

compracido -da | comprador -ra | comprar | compravenda | compravender | comprender | comprensibilidade