comunicación

comunicación

(

    1. s f

      Acción de comunicar ou de comunicarse.

    2. s f [LING]

      Proceso mediante o que se establece un intercambio verbal de información no que un individuo, chamado emisor, produce un enunciado ou mensaxe, destinado a outro, chamado receptor ou destinatario. Comprende dúas fases, a emisión e a recepción da mensaxe, denominadas respectivamente codificación e descodificación. A codificación consiste na transformación dunha serie de conceptos e contidos que se desexan transmitir, en sinais acústicos, convertidos en enunciados lingüísticos. A descodificación correspóndese coa comprensión dos sinais recibidos pola vía auditiva. Aos tres elementos básicos da comunicación engádense o contexto, o código e o contacto. Calquera acto de comunicación sucede sempre nun contexto determinado, isto é, nunha situación espacial e temporal concreta. Ademais, o proceso precisa do manexo dun código común que permita a intercomprensibilidade, un conxunto de sinais e de regras de combinación inherentes ao sistema destes sinais, compartido entre os participantes na comunicación. E, por último, un contacto, que se refire ao canal físico ou vehículo que permite a emisión da mensaxe, o medio a través do que se envían os sinais. O transvasamento de información pódese ver interrompido pola presenza de feitos externos, como os ruídos, ou internos, como a actitude e o estado de ánimo do receptor, o cansazo, etc. A redundancia da mensaxe permite reconstruíla e superar os elementos adversos. Segundo o medio no que se transmite a mensaxe, a comunicación clasifícase en audio-oral, visual ou escrita, e táctil. A modalidade audio-oral é a primaria, e implica tamén aspectos non verbais, executados simultaneamente cos verbais, como os xestos.

    3. s f [COMUN]

      Transmisión de información dun punto a outro mediante un enlace telefónico, telegráfico, radioeléctrico, ou vía satélite.

      Ex: A comunicación telefónica permitiu unha relación directa a distancia.

    4. s f [SOCIOL/FILOS]

      Feito de transmitir unha mensaxe, establecendo unha relación e unha interacción sociais. A fonte, ou punto de orixe, pode ser de natureza individual ou colectiva. A comunicación materialízase na mensaxe, composta de signos ou símbolos, servíndose de medios de comunicación auditivos, visuais ou táctiles e, en xeral, mediante calquera forma, sinal ou medio susceptible de ser interpretado. A maneira na que a mensaxe se concibe, exteriorizada, transmitida, recibida e interpretada, determina a efectividade e a consecución dos fins que persegue. Respecto á socioloxía, a comunicación ten un papel importante polo que representa en función das clases sociais, en relación co poder político e coa orixe e desenvolvemento das ideoloxías, ou respecto á educación dos cidadáns, etc. Filosoficamente, o problema da comunicación foi sempre obxecto de reflexión. Platón e Séneca falan da amizade como o elemento máis puro da relación interpersoal. Kant referiuse ao respecto, e Max Scheler, á simpatía. Para Jaspers, a comunicación maniféstase como a conciencia individual. Martin Buber afirma que o diálogo é auténtico cando a comunicación cristaliza nunha relación viva entre as persoas como tales.

    5. comunicación animal [ZOOL]

      Transmisión de información entre animais, normalmente da mesma especie, que ten como finalidade provocar un cambio na conduta. Pode realizarse para localizar o alimento, para a cohesión do grupo, a advertencia de perigos, a indicación da posición dentro da xerarquía social, a solicitude de atención, a identificación doutros membros da mesma especie ou para informar da receptividade sexual. Os sistemas de comunicación de cada grupo animal están en relación coas súas características fisiolóxicas, a precisión da mensaxe necesaria e o medio ambiente no que vive a especie. A diferencia da comunicación humana, os animais limitan o intercambio de información ao que, polo menos un deles, está percibindo no mesmo momento da comunicación. Isto ten como consecuencia que os animais só poden transmitir información relativa ao presente. Unha función básica da comunicación é a identificación correcta da parella para evitar as hibridacións entre distintas especies. Este é o papel primordial dos cantos das aves, dos insectos e dos anfibios. Algu-nhas aves posúen cantos moi elaborados -como é o caso do rousiñol, que coñece ata 300 cancións distintas- mentres que outras -como a pita de monte- combinan o canto e a exhibición visual. Os cetáceos amosan un dos niveis de comunicación máis complexo, no que predomina a linguaxe corporal -mediante saltos, caricias, golpes, posturas- e tamén unha linguaxe fonética, na que empregan un amplo abano de frecuencias sónicas. Isto permite, por exemplo, que sons de baixa frecuencia -como os emitidos polos rorcuais azuis- sexan audibles polos membros da especie dende calquera punto do océano. Por outra parte, os machos do xibardo fanlle as beiras ás femias mediante cancións ás que cada ano engaden novas estrofas. Os golfiños reclámanse entre eles mediante un nome propio persoal e un apelido materno. Por outra parte, os elefantes transmiten sinais a longas distancias mediante pateaduras no chan, que provocan sinais sísmicos que poden transmitirse a unha distancia de 150 km. Os antropoides manexan a linguaxe simbólica e referencial, e comprobouse que un chimpancé pode comunicarse cos seus coidadores mediante un vocabulario de 3.000 palabras coas que elabora frases que transmite mediante o teclado dun ordenador. A comunicación tamén evita pelexas superfluas no establecemento da orde social dos animais gregarios, como é o caso das posturas de submisión dos cánidos. Os animais territoriais fan uso de sinais odoríferos orixinados en glándulas especiais e moitos outros, como os insectos e os mamíferos, empregan feromonas para a comunicación sexual.

    6. medio de comunicación [COMUN]

      medio de comunicación.

    7. comunicación de masas / [COMUN/SOCIOL]

      Transmisión de significados culturais que se dirixe a un gran público. Faise a través dos chamados medios de comunicación de masas ou mass media: prensa, radio, televisión, cinematografía, etc. En función da finalidade e do contido da comunicación, pode considerarse como información, propaganda, publicidade ou relacións públicas. A socioloxía destaca a súa importancia como medio de control social que perpetúa o sistema establecido.

    8. comunicación non verbal / [SOCIOL/FILOS]

      Acción de comunicarse a través da linguaxe corporal sen que interveña a linguaxe oral ou a escrita. Emprega dous tipos de sistemas de expresión: os sistemas visuais, caracterizados pola transmisión de información por medio de movementos e actitudes corporais; e os sistemas icónicos, baseados na comunicación a través de imaxes e símbolos.

    9. comunicación teatral [ESPECT]

      Proceso de intercambio de información que se produce entre diferentes emisores e receptores que participan na representación en diversos planos. Primeiro hai que considerar a comunicación dramática, que é aquela que se produce entre os personaxes, ou a que se establece entre o personaxe e o público, que pode revestir diversas variantes e funcións. Despois estaría a comunicación propiamente teatral, a que se produce, de forma bidireccional, entre os actores, entre actores e personaxes, entre actores e espectadores, ou entre os propios espectadores. Os procesos de comunicación dramática e teatral constitúen o obxecto de estudo da semioloxía, da teoría da interpretación e das teorías da recepción, e están directamente relacionados cos tres procesos básicos da arte teatral: a interpretación, relación entre un actor e un personaxe; a actuación, xogo de relacións entre personaxes e actores; e a representación, un novo xogo relacional entre a escena e o público.

  1. s f
    1. Medio polo que se establece un contacto ou unión entre dous lugares.

      Ex: Entre as dúas vilas a comunicación é moi mala.

    2. Conxunto de camiños, estradas, carrís, rutas marítimas ou rutas aéreas que permiten o contacto entre dous puntos xeográficos. OBS: Normalmente, emprégase en plural.

      Ex: As comunicacións terrestres quedaron destruídas despois do temporal.

  2. s f

    Escrito co que se informa de algo, normalmente de forma oficial, ou cousa que se comunica.

    Ex: Recibiu a comunicación do xulgado que o citaba para o día seguinte.

  3. s f

    Estudio científico que se presenta nunha reunión de estudiosos.

    Ex: No congreso sobre literatura galega houbo varias comunicacións sobre a figura de Méndez Ferrín.

  4. comunicación interauricular [PAT]

    Malformación conxénita do corazón pola presencia dun orificio na parede interauricular que dá lugar ao paso anormal de sangue dunha aurícula a outra. Por efecto das diferencias de presión auricular, o sangue da aurícula esquerda pasa á aurícula dereita. Conduce xeralmente á hipertrofia do lado dereito do corazón e á insuficiencia na fase final. Ás veces, o sentido do shunt pódese inverter, a presión do lado dereito chega a superar a do lado esquerdo, e instáurase, xa que logo, unha cianose xeneralizada, causada polo paso de sangue pobre en osíxeno ao territorio da aorta. O tratamento é exclusivamente cirúrxico.

  5. comunicación interventricular [PAT]

    Malformación conxénita do corazón pola presenza dun orificio na parede interventricular, que dá lugar ao paso anormal de sangue dun ventrículo ao outro. O sentido do shunt determínase polas presións ventriculares e, como na comunicación interauricular, tende á insuficiencia cardíaca dereita, coa posibilidade de que se invirta nunha fase máis avanzada. A gravidade da afección é proporcional ao diámetro do orificio. O seu tratamento é cirúrxico.

  6. comunicación de datos [INFORM]

    Transferencia de información desde un ordenador a outro, para a que cómpre establecer os estándares de varios aspectos do proceso de comunicación. O estándar internacional OSI (Open System Interconnection) define varios estratos nos que deben realizarse as decisións: estrato físico, estrato de enlace, estrato de rede, estrato de transporte, estrato de sesión, estrato de presentación e estrato de aplicación. O estándar OSI non especifica qué aspecto debería ter calquera destes estratos; define, simplemente, un marco no que se establecen qué estándares futuros poden ser expresados. Nun sistema sinxelo, algúns dos estratos manéxanse manualmente.