Con pólvora e magnolias

Con pólvora e magnolias
[LIT]

Poemario de Xosé Luís Méndez Ferrín, publicado en 1976. A súa proposta concéntrase en dous eixes temáticos principais, expresados no propio título: a “pólvora”, que é símbolo de revolución, de loita, do nacionalismo, do compromiso e da reivindicación; e a “magnolia”, que implica introspección íntima e problemática existencial, isto é, poesía combativa combinada cunha expresión lírica e intimista. Consta de 22 poemas estruturados en tres partes: os primeiros dezaseis poemas; a serie “Triste Stephen”, que se divide en cinco seccións; e o poema final “Reclamo a libertade pró meu pobo”, unha especie de epílogo en correlato co poema inicial no que tamén hai un canto á liberación de Galicia. Un dos motivos dominantes é o paso do tempo, sobre todo nos poemas máis autobiográficos nos que o poeta lembra a infancia e a mocidade. Ás veces afróntao desde unha perspectiva nostálxica, cargada de tristura, ou vinculada ao sentimento de saudade; outras, con dor e con espanto. A metáfora do río, que se remonta a Confucio, Heráclito e Jorge Manrique, expresa ese fluír constante da vida. A reflexión sobre o paso do tempo asóciase á morte, consecuencia inevitable, unida tamén ao amor; todos os poemas amorosos e eróticos recrean o tópico do amor contra o tempo e a morte. Non obstante , sempre prevalece o desamor. O amor é dor, é o desencontro no espazo e no tempo, unha utopía da que só se goza -ou padece- na lembranza. Outro motivo importante é a idea de decadencia: a recuperación do tempo pasado é imposible, polo tanto, imponse a evidencia do fracaso en forma de derrota, naufraxio ou derrubamento. O libro supón unha alegación revolucionaria en favor do nacionalismo popular e do internacionalismo proletario, con alusións a revolucionarios emblemáticos como Ho Chi Minh e Sean Mac Stiofain; tamén a persoas que perderon a vida na loita, como Moncho Reboiras, os mineiros de Lousame, Daniel Niebla e Amador Rey; e a presos políticos, como Ulrike Meinhof. As referencias culturais son unha constante que se manifesta a través das citas de escritores, músicos, pensadores, políticos e mesmo de movementos -existencialismo, xeración beat, marxismo, sindicalismo-. Intercala citas en italiano e francés, xunto con anglicismos, galicismos, xermanismos e latinismos. A métrica empregada segue esquemas moi variados, aínda que predomina o metro culto, sempre branco, sen rima. A lingua utilizada é culta e o seu estilo caracterízase por unha gran suntuosidade e exuberancia, que por momentos acada o barroquismo. Recibiu o Premio Nacional da Crítica.

Palabras veciñas

Con de San Brais | con moto* | Con Negro | Con pólvora e magnolias | con respecto a | Con, O | Con, O