concello
(< lat concilĭu ‘reunión’)
-
s
m
[XEOG/ADM]
Entidade local básica da organización territorial do Estado. Posúe personalidade xurídica e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins e conta cun territorio sobre o que exerce a súa xurisdición. En Galicia defínese como a agrupación das parroquias. Unha das súas entidades de poboación ostenta a condición de capital do concello, onde se localiza a casa do concello, sede das oficinas e da corporación municipal.
Funcións dos concellos
Os concellos posúen unha serie de competencias para a xestión dos seus intereses, entre as que se inclúen a prestación de servicios públicos (recollida de lixo e saneamento, abastecemento de auga, apertura e conservación de vías, etc), a ordenación económica e territorial (contan con competencias de ordenación urbanística e deles depende a concesión de licencias de apertura de establecementos destinados a calquera tipo de actividade económica), de orde pública (posúen en moitos casos policía local, principalmente destinada a garantir o cumprimento das ordenanzas municipais) e toda clase de actividades para atender as necesidades dos veciños residentes no seu territorio (servicios de orientación ao consumidor, fomento das actividades culturais e de tempo de lecer, etc). Ás veces, para a optimización da prestación dos servicios municipais, algúns concellos veciños poden mancomunarse, e crear deste xeito un centro común para a xestión conxunta deses servicios. Estas mancomunidades poden compartir un ou varios servicios, coa posibilidade de que un mesmo municipio pertenza a varias mancomunidades. Para o axeitado desenvolvemento das súas competencias, os concellos contan con autonomía financeira, plasmada nuns presupostos onde figuran os ingresos e gastos do concello para cada exercicio anual. Os ingresos municipais proveñen tanto das achegas doutros niveis da administración (estatal, autonómica ou provincial), como da recadación levada a cabo por cada concello mediante as contribucións, taxas e exaccións impostas aos residentes no municipio.
Órganos de goberno dos concellos
A corporación municipal está composta polo alcalde e os concelleiros (en España son elixidos por sufraxio universal libre, directo e secreto cada catro anos). O alcalde é o presidente da corporación; entre as súas atribucións están a de dirixir o goberno e a administración municipal, representar o concello, convocar e presidir o pleno, as comisións de goberno ou calquera outro órgano municipal, ademais doutras responsabilidades relacionadas coa toma de decisións que afectan a todos os aspectos da administración do concello. Outros órganos de relevancia a nivel municipal son: o pleno, formado polo alcalde e os concelleiros da corporación, principal órgano decisorio municipal, encargado do control e da fiscalización do labor do alcalde; e a comisión de goberno, integrada polo alcalde e por un reducido número de concelleiros, que asesora ao primeiro na toma de decisións.
A orixe da administración municipal
A administración municipal, debido á súa natureza circunscrita a un ámbito territorial local, foi, probablemente, produto da superación dos estadios tribais de organización de determinadas comunidades humanas. Os primeiros precedentes históricos serían as cidades estado. Non obstante , na maioría dos casos, como no das polis gregas, a condición de pertenza ao grupo estaba determinada máis por aspectos xentilicios que pola veciñanza nun lugar concreto, que era unha circunstancia máis ou menos accesoria. Neste contexto xentilicio xurdiu Roma; conforme os romanos estenderon a súa presenza e integraron novos territorios baixo a súa soberanía, os núcleos de poboación perderon a súa independencia. Algúns destes asentamentos, nun principio aqueles máis propicios á colaboración cos romanos, recibiron a categoría de municipio, o que lle garantía unha relativa autonomía e lle outorgaba, en maior ou menor grao, a cidadanía romana (dignidade que significaba, finalmente, a paridade nas relacións entre uns e outros, sometidos ao mesmo dereito). Os municipios do tempo da República estruturábanse dun xeito democrático, dirixidos por unha serie de maxistrados que respondían diante dunha asemblea formada por todos os cidadáns (varóns libres) e dun Senado. Co Imperio suprimíronse as asembleas. A institución entrou en crise debido aos onerosos gastos que debían sufragar aqueles que ostentaran as maxistraturas municipais. Na Alta Idade Media, os pobos bárbaros que invadiron o territorio do Imperio mantiveron na maior parte dos casos a organización municipal nas cidades dos respectivos reinos que constituíron; mesmo restauraron a asemblea de homes libres, de gran tradición entre os xermánicos. Posteriormente, a decadencia dos centros urbanos por mor da desarticulación do comercio, supuxo a substitución da administración municipal por unha administración señorial, aínda que unha minoría mantivo a súa condición, ben por permanecer baixo a tutela exclusiva do rei (cidades de reguengo), ben por constituírse en cidades estado totalmente independentes. Finalmente, o triunfo das ideas liberais no s XIX desarticulou o sistema feudal e estendeu o municipalismo democrático por toda Europa Occidental.
Os concellos galegos
En Galicia existen 315 municipios. O seu tamaño medio é de 93,4 km 2 e correspóndenlle unha poboación media de 8.700 h. En relación á súa extensión, os comprendidos no intervalo entre os 50 km 2 e os 199,9 km 2 representan os dous tercios do total. A repartición entre eses dous intervalos é lixeiramente favorable aos comprendidos entre 50 km 2 e 99,9 km 2 , con 111 municipios, feito que representa o 35,2% do total; os que teñen unha superficie de entre 100 km 2 e 199,9 km 2 son 99 concellos, o 31,4%. Os comprendidos entre 25 km 2 e 49,9 km 2 só son 65, o 20,6%. Os concellos máis pequenos e os máis grandes son minoritarios: así, os municipios de menor extensión só son 21, repartidos entre os que teñen entre 10 km 2 e 24,9 km 2 (13 municipios, o 4,1%) e os menores de 10 km 2 (8 concellos que representan o 2,5%), entre os que se atopan territorios minúsculos e case totalmente urbanizados como Burela, Mondariz-Balneario, A Illa de Arousa ou Rábade (estes catro só abranguen cadansúa parroquia). Os máis grandes son aínda menos: só se contabilizan 19 concellos superiores a 200 km 2 , o 6% dos totais, divididos entre os 14 (4,4%) comprendidos entre os 200 km 2 e 299,9 km 2 e os 5 (1,6%) superiores a 300 km 2 . Estes cinco concellos máis extensos son: A Fonsagrada (438,45 km 2 ), Vilalba (379,02 km 2 ), Lugo (329,78 km 2 ), Lalín (326,83 km 2 ) e Quiroga (317,41 km 2 ). No tocante á poboación, o máis numeroso é o grupo de concellos con efectivos demográficos baixos (entre 1.000 e 4.999 h), con 174 (o 55,2% dos municipios galegos, normalmente das áreas rurais do interior de Galicia); e os de poboación media-baixa (entre 5.000 e 9.999 h), son 72 (o 22,9%). Aos dous grupos anteriores séguenlle a distancia os termos municipais de tamaño medio (entre 10.000 e 19.999 h), con 40 municipios (12,7%) identificados usualmente con cabeceiras comarcais, territorios costeiros de certa importancia ou concellos das periferias urbanas. Cunha relevancia semellante está o nivel demográfico máis baixo (menores de 1.000 h) e o de poboación media-alta (entre 20.000 e 49.999 h), que agrupan cada un deles 11 concellos (3,5%); os primeiros están localizados en áreas do interior, afastadas dos grandes centros e dos principais eixes de comunicacións (coa excepción de Mondariz-Balneario), e os segundos coinciden con cabeceiras comarcais de gran tamaño. Finalmente, os comprendidos entre 50.000 e 99.999 h están compostos polas catro cidades medias (Ferrol, Lugo, Pontevedra e Santiago de Compostela) e os superiores a 100.000 h son os principais centros urbanos de Galicia (Vigo, A Coruña e, a gran distancia destas dúas, Ourense).
A orixe dos concellos galegos
A división actual do territorio galego en concellos é o resultado dun proceso de ordenación territorial iniciado a principios do s XIX. Coa Constitución de 1812 iniciouse un primeiro período de configuración municipal que se prolongou durante o bienio 1812-1814. Durante esta breve etapa non se consolidou esta forma de organización local. As causas estaban nas esixencias legais, que disuadiron da creación de moitos municipios polo incumprimento dos requisitos. Esta fase rematou en novembro de 1814, cando Fernando VII derrogou a Constitución, feito que supuxo a restauración do Antigo Réxime. A involución rematou co golpe do coronel Riego, que inaugurou un trienio liberal (1820-1823). Nestes anos dividiuse Galicia en 47 partidos xudiciais e 634 concellos; a súa vixencia foi novamente efémera, ao retornarse á organización territorial señorial propia do Antigo Réxime, propiciada pola intervención dos Cen Mil Fillos de San Luís (exército expedicionario enviado pola Santa Alianza) a favor das teses absolutistas de Fernando VII. Coa subida ao trono de Isabel II impuxéronse o liberalismo e o municipalismo; isto supuxo a implantación definitiva dos concellos, concibidos como parte consubstancial da administración do Estado. Neste contexto de profunda reforma administrativa e mediante o Decreto de 23 de xullo de 1835, constituíronse os municipios. Este primeiro proceso de división concluíu en Galicia en 1836, co establecemento dun total de 357 concellos. A maior parte deles, establecidos en 1836, permaneceron vixentes durante os ss XIX e XX, aínda que houbo bastantes modificacións. Onde a distribución municipal sufriu maiores transformacións (especialmente durante a primeira metade da década dos corenta do s XIX) foi no territorio das antigas provincias lucense e mindoniense. No resto de Galicia, as modificacións máis salientables foron as seguintes: en 1841 os concellos da Pobra do Deán e do Caramiñal fusionáronse, co que naceu o da Pobra do Caramiñal. Nesa mesma data desapareceu o concello de Garabás, absorbido por Maside, e naceron catro novos municipios: Ribadumia, escindido de Cambados, e Alba, Mourente e Salcedo, xurdidos da segregación das parroquias rurais do termo municipal de Pontevedra. Como resultado, en 1845 Galicia posuía 326 municipios. Entre 1846 e 1860 os cambios foron mínimos, malia as continuas peticións de altos cargos da administración que pretendían reducir o número de concellos. As únicas variacións de entidade foron as seguintes: en 1849 desapareceron os municipios de Couzadoiro, Freires e Veiga, absorbidos por Ortigueira; naceron o do Rosal, separado da Guarda en 1847, e o de Carballeda de Avia, segregado de Ribadavia en 1858. Entre 1861 e 1900, os cambios foron tamén escasamente significativos: Alba, Mourente e Salcedo foron reabsorbidos por Pontevedra en 1869; Saiar foi anexionado por Caldas de Reis en 1894; pola contra, naceu o de Fornelos de Montes, separado do de Soutomaior en 1870; nese mesmo ano, Maside perdeu parte do seu territorio, que se constituíu no novo municipio de Punxín. Vilarmaior foi absorbido durante uns anos por Pontedeume, dende 1877 a 1900. Deste xeito, a principios do s XX existían en Galicia un total de 323 concellos.
Os concellos galegos no s XX
No s XX continuou o proceso de creación e desaparición de concellos, de modo que á súa conclusión o seu número quedou reducido a 315. Os procesos de concentración afectaron especialmente ás grandes cidades: Vigo anexionou Bouzas en 1904 e continuou a súa expansión en 1941 coa integración de Lavadores; en 1912 Santa María de Oza pasou a formar parte do concello da Coruña; Santiago de Compostela incrementou progresivamente a súa extensión, coa incorporación inicial de Conxo (1925) e logo de Enfesta (1962); os concellos de Ferrol e Serantes fusionáronse en 1940, e deron lugar ao concello de Ferrol (denominado daquela El Ferrol del Caudillo); outra fusión foi, en 1943, a de Ourense e Canedo, separados polo río Miño. Pontevedra incrementou o seu territorio grazas á incorporación de Xeve en 1944 e de Pontesampaio en 1960. Vilagarcía de Arousa absorbeu, en 1912, os veciños do Carril e Vilaxoán. En 1926 fusionáronse os concellos de Freás de Eiras e Vilameá, para que nacese o de Ramirás. Un territorio que experimentou especialmente a concentración municipal foi Celanova, que en 1927 agregou Vilanova dos Infantes e en 1967 Acevedo do Río. Os termos da Pontenova e Vilaoudriz desapareceron en 1963, fusionados no da Pontenova. Tamén houbo alteración no sentido inverso: en 1924 Mondariz-Balneario escindiuse de Mondariz; Rábade escindiuse no ano 1925 de Begonte; Negueira de Muñiz pertenceu á Fonsagrada ata 1928; Ribeira de Piquín estivo ata 1935 integrado en Meira; Cariño xurdiu en 1988 escindido de Ortigueira; Burela foi ata 1994 parroquia de Cervo; e por último, A Illa de Arousa segregouse de Vilanova de Arousa en 1997. Se dende a súa instauración no s XIX as corporacións municipais foran elixidas por sufraxio entre os integrantes do censo electoral (circunstancia que, malia o vicio do caciquismo, garantíalles un certo carácter democrático), a Guerra Civil provocou que entre xullo de 1936 e abril de 1979 esta tradición se substituíse por un complexo sistema de elección por estamentos (tercio familiar e terzo sindical) no que a iniciativa popular quedaba restrinxida baixo a vontade do poder establecido, representado polas autoridades gobernativas (gobernadores civís), que designaban o outro terzo dos concelleiros e decidían quen asumía o cargo de alcalde. Malia esa inxerencia na súa autonomía, a institución municipal xa non se cuestionaba por ningunha fracción do espectro político, como acontecera no século precedente, e mesmo se destacaba tanto no discurso dos tradicionalistas, coma no dos rexeneracionistas da Xeración do 98, ou no dos falanxistas, como un elemento fundamental e consubstancial ao Estado. A recuperación da democracia supuxo a celebración de eleccións municipais en 1979, 1983, 1987, 1991, 1995 e 1999, nas que se restaurou o sufraxio universal libre, secreto e directo, para os homes e mulleres maiores de idade, feito que significou, entre outras cousas, o acceso das mulleres por vez primeira ás alcaldías dalgúns concellos. Na tradición popular recóllense os seguintes ditos: “A concello ruín, pregoeiro tatexo. Cando fores ao concello, acorda no teu e deixa o alleo. En cada concello hai o seu can vermello. Leva o teu fio ao concello, e us diranche que é branco, i outros que é negro. Rápenme no concello, e non mo seipan no rueiro”. -
s
m
Conxunto de persoas que ten ao seu cargo o goberno municipal formado polo alcalde e os concelleiros.
Ex: O alcalde convocou o concello esta mañá en sesión urxente.
Sinónimos: cabido. -
s
m
Antiga organización institucional de parroquias rurais que contaban con autonomía fronte á administración municipal, integrada polos cabezas de familia. En Asturias e nalgunhas comarcas adscritas á provincia de León perviven como corporación das entidades locais menores, e coinciden basicamente coas circunscricións parroquiais.
-
casa do concello
Edificio que acolle as dependencias municipais.