conceptual

conceptual

(

  1. adx [FILOS]

    Relativo ou pertencente ao concepto.

  2. arte conceptual [ARTE]

    Tendencia artística que se caracterizaba pola renuncia á obra de arte como obxecto (cadro, escultura, poema) ou como resultado. O termo definiuno Sol Lewitt nos seus artigos publicados entre 1967 e 1969. Para o movemento conceptual, a arte radicaba na idea, na información, no pensamento puro ou na intención do artista, e propoñía unha reflexión que esixía unha reconstrución mental por parte do observador. Cun forte contido antisocial, o conceptualismo tentou modificar a relación artista-público e reivindicou a miúdo actitudes efémeras, coa privación da singularidade da obra de arte para impedir a súa conversión en obxecto de consumo. A arte conceptual xurdiu en Europa e en Nova York durante os anos sesenta; os medios expresivos que empregou máis a miúdo foron de carácter experimental ou alternativo, como os happenings e os environments dos concertos fluxus, de carácter participativo, o vídeo, a fotografía, o cine, as cintas magnetofónicas, as instalacións, as intervencións na paisaxe, etc. Con importantes puntos de contacto coa chamada arte pobre, gozou dunha gran multidisciplinariedade e deu lugar a propostas como as da land art, body art, performance art, etc. O seu antecedente histórico foron os ready-made de M. Duchamp, pero tamén as actitudes dalgúns artistas da pop-art, principalmente, Jasper Jones, así como a obra de Yves Klein e Piero Manzoni. A obra máis representativa desta tendencia foi Unha e tres cadeiras (1965) de Josep Kosuth, na que combinou a presenza dunha cadeira real, unha fotografía e a definición do dicionario desta palabra. Entre os artistas, ademais de Kosuth, destacaron Ad Reinhardt, Robert Barry, Lawrence Weiner e Denis Oppenheim, nos EE UU. En Europa sobresaíron Vittore Acconci, Daniel Buren, Arman, Richard Long, B. Flannagan e o núcleo de artistas formados con Joseph Beuys na Escola de Belas Artes de Düsseldorf. En España destacaron Gubern, Corazón e Hernández Pijuán. Durante a década de 1970 e 1980, a arte conceptual consolidouse en América Latina, mentres que en Bos Aires se creaba o Centro de Arte y Comunicación (1970).