Concilio Pastoral de Galicia
Xuntanza convocada polos bispos das dioceses galegas en 1974. Constou de cinco sesións centradas, respectivamente, nas problemáticas da liturxia, da catequese e dos medios de comunicación, do clero, dos segrares, e da caridade e promoción social. As sesións prolongáronse ata 1979. A iniciativa da celebración do Concilio partira do arcebispo de Santiago, o cardeal Quiroga Palacios, en 1966. O cardeal pretendía aplicar na súa arquidiocese as directrices emanadas do Concilio Vaticano II, que supuñan unha fonda renovación na vida da Igrexa. Unha das esixencias máis novidosas das conclusións do Concilio Vaticano II era a necesidade de inculturación e encadramento das igrexas locais no seu contexto social e cultural. Así, o episcopado galego acordou comezar un proceso de debate no seo da Igrexa, aberto á participación do clero e dos segrares, co que pretendía coñecer a situación, as necesidades e as aspiracións da comunidade de fieis. En 1968, os bispos galegos decidiron principiar as actividades previas á celebración do Concilio e elaborar unhas enquisas que servisen para coñecer a realidade social da Igrexa galega, co fin de preparar os temas sobre os que se traballaría. Rematados estes traballos en 1969, o Concilio comezou as súas sesións en 1974, despois dun longo período de análise. No transcurso da súa celebración xurdiron tensións entre os sectores máis conservadores e aqueles que defendían unha viraxe cara a unha Igrexa comprometida coa cultura e coa lingua galegas, na procura dunha democratización, tanto no ámbito eclesial como no conxunto social do país.