Conde
-
[ONOM]
Apelido que ten a súa orixe nun alcume aplicado a individuos que posuían este título. Documéntase no s XII: “Martinus Conde” (doc ano 1206 en P. Loscertales de García de Valdeavellano, Tumbos del monasterio de Sobrado de los Monjes, vol I, 1976, p 372).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe natural de Celanova, dende onde se estendeu por toda a Península. As súas armas levan, en campo de prata, unha banda de goles, engulida en cabezas de dragantes de sinople. Algúns traen escudo partido: primeira partición, en campo de ouro, cunha árbore de sinople, saíndo da punta do escudo, sumado dunha aguia voante de sable; segunda partición, en campo de goles, con trece besantes de ouro, postos en tres paos. Entre outras variantes cómpre salientar: en campo de azul, tres faixas de ouro; en campo de ouro, catro paos de goles; en campo de goles, un castelo de ouro, sobre rochas do mesmo metal e, en punta, dúas caldeiras de prata.