condensación

condensación

(

  1. s f

    Acción e efecto de condensar ou condensarse.

  2. s f [FÍS]

    Paso dunha substancia do estado de vapor a un estado condensado, é dicir, ao estado líquido ou sólido; no primeiro caso, é a transición contraria á vaporización e, no segundo, é contrario á sublimación. Pode estar causada por compresión ou arrefriamento e nos dous casos o vapor libera calor, coñecido como calor latente de condensación. A condensación pode producirse sobre unha superficie máis fría ca o vapor en cuestión, e ten lugar cando a presión de vapor é máis grande ca a presión de vapor saturante das fases líquida ou sólida da substancia á temperatura da superficie sobre a que se produce a condensación. A condensación sobre unha superficie pódese producir de dúas maneiras. Na condensación en película fórmase sobre a superficie fría unha película cun grosor que depende das características físicas do fluído condensado, da forma xeométrica da superficie e da velocidade de condensación. Na condensación en gotas fórmanse gotas que se desprenden da parede sen chegar a mollala; este tipo prodúcese pola presencia de axentes contaminantes que, adheridos á superficie fría, impiden a formación dunha película continua. A condensación tamén se pode producir lonxe dunha superficie; neste caso, un vapor sen partículas en suspensión só se condensa cando chega á sobresaturación; sen embargo, se contén partículas suficientemente grandes en suspensión, estas actúan como núcleos de condensación sobre os que se forman as gotas.

  3. s f [FÍS]

    Aumento de densidade.

  4. s f [QUÍM]

    Reacción na que se unen as dúas moléculas reaccionantes, a miúdo en presencia de catalizadores (con formación de auga) ou doutras substancias. Entre as máis coñecidas están a condensación de Claisen-Schmidt e a reacción de Friedel e Crafts.

  5. s f [PSIC]

    Segundo a psicanálise, proceso inconsciente producido durante o sono que consiste nunha refundición de pensamentos ou contidos latentes nun só contido manifesto.

  6. condensación cromosómica [XEN]

    Proceso que ten lugar durante a división celular e que leva ao empaquetado da cromatina interfásica en cromosomas metafásicos.

  7. núcleos de condensación [METEOR]

    Corpúsculos, xeralmente moi higroscópicos, sobre os que se inicia a condensación de vapor de auga atmosférica en forma de gotas, cando o grao higrométrico é suficientemente alto pero non chega á saturación.