condestable
(
Dignidade palatina e, máis tarde, militar, derivada do comes stabŭli ou ‘xefe da cabalería’ dos emperadores romanos do Baixo Imperio. Adoptada polos reis merovinxios, e despois polos carolinxios e os capetos, Filipe Augusto converteu o condestable en xefe supremo da cabalería real (1191). A dignidade foi suprimida polo cardeal Richelieu en 1627. Na Península Ibérica, Xoán I de Castela instituíu a dignidade de condestable no 1382 seguindo o modelo francés e atribuíulle a máis alta xerarquía do exército real despois do monarca, con xurisdición civil e militar sobre os compoñentes do exército real. Dende o goberno dos Reis Católicos, este oficio quedou vinculado á liñaxe de Pedro Fernández de Velasco ata comezos do s XVII, cando o título tiña só un carácter honorífico. Os reis de Navarra e Portugal estableceron este cargo durante o s XV.