condutismo

condutismo

(

s m [PSIC]

Filosofía da ciencia que sostén que a psicoloxía é o estudo da conduta do individuo en interacción co medio ambiente, entendendo por conduta o funcionamento total e unificado dun organismo, humano ou non. Tamén se comprende como o conxunto de teorías psicolóxicas que tentan explicar por qué as persoas e aínda os animais se comportan dunha maneira e non doutra. Xurdiu a principios do s XIX como reacción ás dúas escolas de pensamento dominantes na época: o estruturalismo de Wilhelm Wundt e o funcionalismo asociado, por exemplo, a J. Dewey e J. Angell. Fronte a estes dous movementos irrompe o condutismo con John Broadus Watson como figura destacada. Psicólogo experimental especializado en animais, Watson convulsionou o panorama da psicoloxía defendendo a idea de que esta non é máis ca unha rama experimental das ciencias naturais, de maneira que os psicólogos debían desbotar todos os termos mentalistas, tan apreciados polos estruturalistas e funcionalistas, para adoptar conceptos tomados da bioloxía. Para Watson, a psicoloxía consiste basicamente en predicir e controlar a conduta e non en explorar os elementos da conciencia mediante a introspección; polo tanto, hai que limitala ao estudo do comportamento ou da conduta externa dos individuos (en inglés, behavior), de aí que por un tempo este movemento se coñecese como behaviorismo. O condutismo defendido por Watson evolucionou a partir da tradición filosófica do obxectivismo, iniciada por Descartes no s XVII e ampliada nos ss XVIII e XIX polos empiristas británicos J. Locke, T. Hobbes e D. Hume, polos racionalistas alemáns J. Kant e J. F. Herbart e polo positivista francés Auguste Comte, quen sostiña que só son válidos os coñecementos da natureza social que poden ser observados obxectivamente. Aínda que limitado no tempo, o condutismo watsoniano proporcionou o impulso necesario para producir o desprazamento desde a conciencia e o subxectivismo cara ao materialismo e ao obxectivismo. Nos anos cincuenta algúns psicólogos estadounidenses chegaron a formar o que se pode denominar teorías neocondutistas da aprendizaxe que, comparadas coas correntes do anos vinte e trinta, poderían ser consideradas teorías menores. Aínda así, figuras como B. F. Skinner conseguiron dar o pulo necesario para que estas evolucionasen axiña ata se converter nun sistema de psicoloxía que abrangue unha filosofía da ciencia, unha teoría da conduta, unha metodoloxía básica e un programa de aplicación. Posteriormente, o condutismo radical sostivo, en contra das ideas de Watson, que a psicoloxía pode estudar as actividades internas mediante procedementos científicos aceptables. Os psicólogos humanistas, sen embargo, opóñense aos neocondutistas ao rexeitaren a idea de que a psicoloxía é a ciencia da conduta argumentando que tal definición se basea nun concepto de ser humano restrinxido, artificial e estéril. Os intercondutistas sosteñen que o condutismo cognitivo -variante do neocondutismo que acepta o concepto dualista da natureza humana e mantén que as estruturas e os procesos mentais poden estudiarse mediante a investigación das interaccións entre a conduta e o medio ambiente- é demasiado mentalista para ser científico mentres o radical non asume todos os presupostos básicos do método das ciencias naturais. Segundo Watson, a psicoloxía debe investigar o seu obxecto de estudo mediante a observación directa, con ou sen instrumentos, o método do reflexo condicionado e os informes verbais como crónicas de conduta e aplicación de probas obxectivas para determinar as capacidades e as características xerais da conduta. Ao longo dos anos setenta melloráronse e ampliáronse estes métodos en sintonía cos diferentes supostos teóricos e os avances tecnolóxicos que engaden cada vez máis precisión e control. Aínda que existen diferencias notorias entre as diversas teorías condutistas, consideran que a aprendizaxe é simplemente un acto no que se establece unha conexión entre un estímulo (E) e unha resposta (R). Isto explica o feito de que sexan coñecidos tamén como psicólogos E-R. Entre as razóns que xustifican a existencia de diferentes tipos de condutismo está a de que os seus partidarios non acadaron un acordo sobre se é ou non necesario estudar o que ocorre na persoa entre o estímulo e a aparición da resposta. Os condutistas metodolóxicos rexeitan a idea de que pasa algo na mente dun individuo entre o estímulo e a resposta, e, polo tanto, non prestan atención a este tipo de consideracións. Neste grupo habería que situar a Watson e Kantor. Pola contra, outros condutistas como Skinner non rexeitan a idea de que as persoas teñan pensamentos, pero consideran que a mente e os seus contidos non son observables e polo tanto resulta inútil, e mesmo unha perda de tempo, reflexionar ou cuestionar o que sucede entre E e R. Existe un terceiro grupo de condutistas que encaixan mellor nun tipo de psicólogos, que se poden denominar E-O-R, porque tentan explicar os procesos que teñen lugar no organismo (O) entre o estímulo e a resposta. Este grupo de teóricos denomínanse psicólogos cognitivos. Os condutistas comparten, na súa maioría, unha serie de conceptos e mesmo unha terminoloxía que é preciso coñecer para chegar a comprender minimamente o seu corpus teórico. Para estes, “condicionamento” equivale basicamente a “aprendizaxe”, é dicir, pode definirse como a conexión que se establece entre o estímulo e a resposta. As primeiras e máis coñecidas experiencias de laboratorio sobre este concepto foron desenvolvidas por Ivan Petrovič Pavlov (1849-1936). Este psicólogo ruso estableceu os precedementos para o condicionamento clásico, que consisten en substituír un estímulo antigo por un novo, presentando os dous simultaneamente, ata que o estímulo novo chegue a provocar por si mesmo idéntica resposta ca o antigo ou precedente. Outro tipo de condicionamento ou aprendizaxe denomínase operante; neste caso non se trata de substituír un estímulo por outro, senón de asegurar a obtención dunha determinada resposta diante dunha situación concreta para conseguir unha lóxica na resposta. O seu establecemento depende das consecuencias que a resposta supón para a persoa, é dicir, depende das sensacións que experimenta despois de presentarse a primeira resposta. Se a consecuencia inmediata supón unha recompensa é moi posible que se volva producir a mesma resposta. Os condutistas falan de reforzo en lugar de recompensa para referirse a unha acción que aumente a posibilidade ou incidencia futura dunha resposta. Desde o punto de vista dos condutistas, o ensino consiste basicamente en organizar situacións de aprendizaxe e as súas consecuencias, de maneira que se reforcen as condutas desexadas omitindo ou castigando as accións non desexadas. De aí que prestasen especial atención aos sistemas de reforzo, é dicir, ás posibles formas de organizar as consecuencias das respostas coa intención de incrementar a frecuencia das de-sexadas e eliminar as non desexadas. Unha das bases da aplicación eficaz dos conceptos e principios condutistas ao rendemento escolar e aos problemas de adaptación é o coñecemento de cómo se produce a adquisición e fixación das diferentes habilidades e coñecementos. Esta é a razón que explica por qué desde sempre se centraron nos casos específicos de aprendizaxe e na adaptación escolar, e que unha gran parte da investigación se concentrase nas condicións que seguen á conduta. O condutismo tamén influíu na literatura; así, deu lugar a obras narrativas que reflicten as accións dos personaxes, prescinden da introspección e empregan preferentemente o modo indicativo e a forma dialogada. Estes recursos permiten presentar directamente os personaxes, disimulando a presenza do narrador, quen limita a información sobre a trama ao observable desde fóra e prescinde de sentimentos ou pensamentos porque pertencen ao campo da interioridade humana. Deste xeito, trata de emular o funcionamento dunha gravadora ou dunha cámara cinematográfica que só reproduce feitos e conversacións, non procesos mentais. Cultivaron esta práctica narrativa escritores como Ernest Hemingway, John Dos Passos, John Steinbeck, Dashiell Hammet, Alain Robbe-Grillet e Rafael Sánchez Ferlosio, entre outros. Na literatura galega tivo un especial desenvolvemento en varias obras integradas no movemento da Nova Narrativa, como Arrabaldo do norte (1964), de Xosé Luís Méndez Ferrín.