Confederación Internacional de Organizacións Sindicais Libres
Organización sindical constituída en Londres (1949) e formada polos sindicatos disidentes da Federación Sindical Mundial, que a acusaban de estar controlada polos comunistas. Con sede en Bruxelas, o seu Congreso reúnese cada catro anos. Posúe un Fondo Internacional de Solidariedade (FIS) destinado á axuda dos países subdesenvolvidos ou afectados por desastres naturais ou réximes represivos. Conta con 215 organizacións en 145 países, cun total de 125 millóns de afiliados. Na súa estrutura distínguense tres grandes organizacións rexionais: a ORAP, para Asia e o Pacífico; a ORAP, que se ocupa de África; e a ORIT, que actúa en América. A nivel internacional, a CIOSL coopera coa Organización Internacional do Traballo e ten status de organismo consultivo diante do Consello Económico e Social da ONU e doutros organismos como a Unesco. Mantén, ademais, estreitos vínculos coa CES e cos Secretarios Profesionais Internacionais, que congregan os sindicatos nacionais dunha profesión ou industria a nivel internacional. Dende o ano 1996, as súas principais liñas de actuación foron o emprego e as normas de traballo internacionais, a ofensiva contra as multinacionais, os dereitos sindicais, a igualdade no traballo por razón de sexo, raza ou orixe e a organización sindical.