consecutio temporum*
Dependencia ou interrelación temporal que se dá na oración composta latina. O tempo verbal da oración principal pode esixir un tempo concreto no verbo da oración subordinada, con exclusión doutras, segundo se trate de expresar simultaneidade, anterioridade ou posterioridade, e seguindo unhas determinadas regras de concordancia. O galego non segue regras tan precisas como o latín, mentres que este si obedece ás seguintes normas: a) se a oración principal está en presente (rogo) ou futuro (rogabo) e se quere indicar que a subordinada está en relación de simultaneidade, esixe un presente de subxuntivo (rogo/rogabo quid facias ‘pregunto/preguntarei qué facías’); se está en relación de anterioridade, pretérito perfecto de subxuntivo (rogo/rogabo quid feceris ‘pregunto/preguntarei qué fixeches’); e se está en relación de posterioridade, participio futuro + sis (rogo/rogabo quid futurus sis ‘pregunto/ preguntarei qué vas facer’); b) Se a principal está en copretérito (rogabam), en pretérito perfecto (rogavi) ou antepretérito (rogaveram), e se quere indicar que a subordinada está en relación de simultaneidade, o verbo debe ir en copretérito de subxuntivo (rogabam/rogavi/rogaveram quid faceres ‘preguntaba/preguntarei/preguntara qué facías’); se está en relación de anterioridade, en antepretérito de subxuntivo (rogabam/rogavi/rogaveram quid fecisses ‘preguntaba/preguntarei/preguntara qué fixeras’); e de posterioridade, en participio futuro + esses (rogabam/rogavi/rogaveram quid facturus esses ‘preguntaba/preguntarei/preguntara qué ías facer’). O que varía entre o esquema do latín e o esquema do galego é o modo; mentres o latín adopta directamente o subxuntivo nas interrogativas indirectas subordinadas, o galego mantén o indicativo. Aínda que a regra xeral da consecutio temporum é que o tempo indicativo da oración principal se corresponde cun tempo subordinado en subxuntivo na oración subordinada, sempre hai excepcións; así, por exemplo, tamén se pode dar concordancia temporal con dous tempos do mesmo modo ou subxuntivo como rexente e o indicativo como dependente. Tamén se denomina concordancia temporal ou correlación temporal.