Consello Regulador
Organismo que exerce as funcións de control e que garante a especificidade e a calidade na maioría das denominacións protexidas de produtos agroalimentarios. Como norma común supervisa, para todos os elaboradores inscritos nunha determinada denominación, que todas as fases do proceso produtivo se axustan ao detallado na normativa específica e protexe aqueles produtos que cumpren estas condicións, de acordo coas características finais esixidas -para o que se realizan, en moitos casos, análises químicas- e, principalmente no caso dos viños, superan un exame organoléptico. Aos produtos avaliados, como norma xeral, concédeselles unha etiqueta identificativa numerada. En Galicia, contan cun Consello Regulador as Denominacións de Orixe: Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Monterrei, Ribeira Sacra e Queixo Tetilla; e as Denominacións Específicas: Orujo de Galicia, Lacón Gallego e Ternera Gallega. Os Órganos Rectores da Denominación de Orixe Queixo de Arzúa-Ulloa e dos Produtos Galegos de Calidade Queixo de San Simón, Queixo do Cebreiro, Mel de Galicia e Pataca de Galicia cumpren funcións equivalentes. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia concede unhas etiquetas ou contraetiquetas que garanten a orixe galega do produto que son compatibles coas dos outros tipos de denominación.