conservación

conservación

(

  1. s f

    Acción e efecto de conservar ou conservarse.

    Ex: Puxo moito empeño na conservación do seu posto de traballo.

  2. s f [ALIM]

    Técnica de preparación dos alimentos para evitar o seu proceso de descomposición e, asemade, manter o seu poder nutritivo. A maioría destas técnicas, sobre todo nos produtos vexetais, inclúen un proceso de branqueo para conseguir a destrución de enzimas. A eliminación da auga obtense mediante os procesos de deshidratación de alimentos. O tratamento térmico destrúe os enzimas e esteriliza os alimentos ou diminúe suficientemente a flora microbiana (esterilización e pasteurización). O mantemento do produto a temperaturas baixas provoca unha inhibición do crecemento microbiano e das reaccións enzimáticas (refrixeración e conxelación). A provocación de fermentacións dirixidas, leva o produto a unhas condicións que o manteñen estable (escabeche, conservas en vinagre, col fermentada e embutido). Un caso particular de fermentación selectiva é a salgadura, que consiste en provocar o desenvolvemento dunha flora selectiva (xeralmente lactobacilos), que impide a alteración microbiana do produto. O establecemento dunha presión osmótica elevada con azucre ou sal impide tamén calquera crecemento microbiano (confeito e salgadura). Certos aditivos, alimentarios e conservantes, impiden tamén a alteración microbiolóxica e a irradiación pode tamén pasteurizar ou esterilizar un produto alimenticio. En calquera sistema, o produto debe ser protexido de contaminacións posteriores e dos efectos ambientais. A protección conseguida é, en parte, función do envase utilizado.

  3. s f [ARTE]

    Operación que consiste en manter os obxectos artísticos no mellor estado posible, de xeito que se evite o seu deterioro e que prolonguen a súa existencia, ademais de non modificar as condicións estéticas e culturais nas que foron producidos. Pode abordarse dende unha dobre perspectiva: de xeito indirecto ou preventivo, é dicir, sen actuar directamente sobre o obxecto físico, indagando sobre el mesmo e sobre as condicións que o rodean, ou empregar o método da conservación directa, na que si se actúa sobre o obxecto a conservar. Nesta fase, a conservación está relacionada coa restauración, xa que en moitas ocasións conservar un obxecto ou evitar un maior deterioro implica un labor de recuperación das características perdidas ou deterioradas, pois, en xeral, os materiais empregados na súa creación non son resistentes ao paso do tempo.

  4. s f [ECOL]

    Conxunto de medidas de xestión que buscan a compatibilidade entre a actividade humana e os recursos naturais, ademais da preservación e da restauración do medio ambiente.

  5. conservación da humidade [CONSTR]

    Proceso ao que se somete un elemento de formigón armado durante as primeiras horas despois de ser enchido, e que consiste en manter o grao de humidade necesario para que se produza a solidificación. Adóitase regalo moi a miúdo con auga ou, cando as circunstancias de fabricación o permiten, consérvanse as pezas de formigón nunha atmosfera de vapor de auga con temperatura e humidade constantes.

  6. instinto de conservación [PSIC]

    Instinto que impulsa os seres vivos á loita pola supervivencia e que se manifesta especialmente en situacións de perigo.

  7. lei de conservación [FÍS]

    Lei que expresa que o valor dunha magnitude física nun sistema físico permanece constante no tempo durante determinadas transformacións. Por unha banda, a existencia dunha lei de conservación dunha variable dinámica (como é a enerxía) permite que, ao analizar a evolución do sistema, se poidan rexeitar todas aquelas solucións que, aínda que son posibles porque satisfán a ecuación dinámica, non son compatibles coa conservación admitida; por outra banda, as leis de conservación das cargas xenéricas das partículas poñen de manifesto simetrías máis profundas que fan posible distinguir as diferentes interaccións polo feito de que violen ou non unha determinada conservación. A mecánica clásica fornece exemplos ilustrativos da primeira formulación. Nun sistema illado de partículas que interaccionan cunha forza conservativa, a suma das enerxías cinética e potencial de todas elas, coñecida como enerxía total do sistema, permanece constante no tempo, polo que se define como a conservación da enerxía mecánica do sistema. De xeito análogo, no movemento dunha masa puntual nun campo central satisfaise a conservación do momento angular e no movemento dunha masa puntual libre a conservación do momento lineal. A termodinámica dá un primeiro exemplo de lei de conservación máis fundamental; ao explicitar a equivalencia de todas as formas de enerxía, o primeiro principio da termodinámica non só enuncia a conservación da enerxía senón que advirte que esta lei debe considerarse un principio esixible. A conservación da masa, considerada como un dos principios fundamentais dos procesos, puxo en marcha o desenvolvemento da química moderna. O xurdimento da relatividade especial representou unha modificación dos principios de conservación da enerxía e da masa, xa que a masa chegou a ser unha forma de enerxía, e propuxo a lei da conservación da masa-enerxía ou conservación da enerxía relativista E=mc 2 .

Refráns

  • Hai que conservar coa prudencia o que se gaña coa experiencia.

Palabras veciñas

consentir | conserva | conservable | conservación | conservacionismo | conservacionista | conservador -ra