Constitución Civil do Clero
Conxunto de disposicións lexislativas da Asemblea constituínte de Francia (1790), sancionadas por Luís XVI, que regulaban a distribución dos oficios eclesiásticos e os nomeamentos, e adecuaban as circunscricións eclesiásticas ás administrativas (departamentos). Sometía o estamento e as institucións relixiosas ao poder do Estado. Os únicos cargos admitidos eran o de bispo e rector, e todos os pastores debían ser designados mediante elección popular directa. Pío VI publicou un breve (1791) condenando esta Constitución. A ruptura con Roma e a negativa da maioría do clero a xurar a Constitución, significou a división do clero en dous grupos: os xuramentados ou constitucionais, e os non xuramentados ou refractarios, e provocou unha forte oposición dos fieis aos principios revolucionarios.