Constitución de 1845
Constitución española asinada pola Raíña Isabel II o 23 de maio de 1845. Naceu como unha reforma da Constitución de 1837 e redactouna unha comisión na que prevaleceu a opinión de Donoso Cortés. Malia que mantivo os mesmos títulos que en 1837, o seu sentido político foi moi diferente, xa que recollía as ideas básicas do moderantismo. A base do liberalismo doutrinario manifestouse na declaración de soberanía compartida entre o rei e as Cortes. A declaración de dereitos reduciuse en relación co texto de 1837 e remitiu a súa regulamentación en leis posteriores; ademais, algúns dereitos restrinxíronse, como o de liberdade relixiosa, pois se proclamou a confesionalidade católica do Estado. O sufraxio continuou sendo censatario, aínda que diminuíu o número de electores. As prerrogativas do rei aumentaron: tiña a iniciativa lexislativa; sancionaba as leis; convocaba e disolvía as Cortes; nomeaba e destituía os ministros; nomeaba o xefe do goberno; e designaba os senadores. A supremacía do Congreso de los Diputados sobre o Senado desapareceu. O texto suprimiu a Milicia Nacional e limitou a autonomía municipal. Derrogada trala Vicalvarada (1854), restableceuna O’Donell o 15 de setembro de 1856 cunha acta adicional que limitaba o contido conservador do texto: reducía o número de senadores nomeados polo rei; obrigaba as Cortes a reunirse un mínimo de catro meses ao ano; e prohibía o nomeamento dos alcaldes polo goberno nas grandes cidades. Posteriormente, Narváez restableceu o texto de 1845 e afirmou o carácter conservador mediante a Lei Constitucional de Reforma, do 17 de xullo de 1857. O 20 de abril de 1864, o goberno de Mon e Cánovas restableceu a súa integridade e permaneceu en vigor ata o 9 de novembro de 1868.