contrabando

contrabando

(

  1. s m [DER]

    Delito ou infracción tributaria consistente na importación ou exportación de mercadorías, lícitas e suxeitas a un réxime fiscal determinado, que non son presentadas nas oficinas de aduanas; no tráfico ou na posesión de artigos importados ilegalmente; na exportación de efectos prohibidos; e na exportación, sen autorización, de obras ou obxectos de interese histórico ou artístico. De xeito específico, consiste na trasfega e no comercio de xéneros prohibidos ou estancados. O contrabando é un feito universal e está tipificado como tal en todas as lexislacións, xa que se considera un delito contra a facenda e a saúde públicas.
    Lexislación española
    A lexislación vixente no 2001 en materia de contrabando é a Lei Orgánica 12/1995, do 12 de decembro, de Represión do Contrabando, que revisa a Lei Orgánica 7/1982, do 13 de xullo, que modifica a lexislación vixente no ámbito do contrabando e regula os delitos e infraccións administrativas na materia, e a Lei Orgánica 3/1992, do 30 de abril, que establece supostos de contrabando en materia de exportación de material de defensa ou de dobre uso, así como o Real Decreto 1649/1998, do 24 de xullo, polo que se desenvolve o Título II da Lei Orgánica 12/1995, relativo ás infracciones administrativas de contrabando. A Lei Orgánica 12/1995 considera o contrabando como unha infracción administrativa cando o seu valor non supera os tres millóns de pesetas e delito cando o supera ou cando o obxecto de contrabando sexan drogas, armas ou calquera outro ben de tenencia ilícita. Aínda que historicamente os primeiros obxectos de contrabando foron, entre outros, os tecidos, o sal e o tabaco; a lexislación foi ampliando as mercadorías obxecto de contrabando para incluír, entre outras, as seguintes: drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas; armamento e todos os produtos e tecnoloxías concibidos especificamente ou modificados para uso militar e material de dobre uso; todos os artigos, produtos ou substancias que produza, adquira ou distribúa o Estado con carácter de monopolio; bens pertencentes ao Patrimonio Cultural; e especies de fauna ou flora ameazadas de extinción. A sanción aos delitos de contrabando consiste, xeralmente, en prisión menor, en multa, que pode equivaler dende o valor do xénero incautado ata o duplo, e na desposesión da mercadoría.
    O contrabando en Galicia
    A situación xeográfica de Galicia, aberta ao Atlántico e fronteira con Portugal, facilitou a existencia de prácticas contrabandistas. Con carácter permanente, na Raia Seca e na Húmida, existiu unha actividade económica e unha relación veciñal que rebasaba ou ignoraba a existencia dunha fronteira fiscal entre España e Portugal. Os dous estados aceptaron o paso de mercadorías, persoas e gando entre unha e outra banda da fronteira como un feito propio dos raianos e non se considerou contrabando senón unha forma de relación económica natural. Fóra deste fenómeno socioeconómico, na historia do contrabando en Galicia pódense distinguir catro grandes secuencias ou procesos caracterizados pola mercadoría obxecto de contrabando. Trala Guerra Civil, o contrabando de posguerra prestou un inapreciable servizo á economía nacional durante a chamada autarquía, ao proporcionar materias primas e manufacturas que, en boa medida, non volveron ser importadas de xeito legal ata 1953. Mesmo Radio Nacional de España se serviu de Portugal para acadar equipos e repostos. Chatarras non férricas, sobre todo cobre, trapos, xabóns e café constituíron a base do contrabando deste período, seguida da la, aparatos eléctricos, equipos industriais, artigos de luxo e tabaco. Dende Portugal entraron en Galicia destilados alcohólicos, vaixelas, cristalerías e ata animais, mentres que no país luso entraban bacallao, aceites, peixes e materias primas básicas. Daquela tamén entraban por Galicia os lingotes de estaño e bronce, e despois reexpedíanse cinc e chumbo, produtos que se exportaban a Portugal e Rusia. Ao tempo, saía de España, con tolerado descontrol, o wolframio que a siderurxia alemana precisaba para endurecer os canóns que empregaba na II Guerra Mundial. Os propios camións de Franco tomaban parte, pese á teórica neutralidade, no subministro. Algúns dos referentes contrabandistas foron, entre outros, Feces de Abaixo, Verín, A Guarda e Goián. A fronteira comezou entón a crear os seus mitos e os seus heroes como don Feliciano, personaxe de novela que se recorda en Feces de Abaixo como un dos controladores da importación de cinc, e, anos despois, Manuel Díaz Ligero na Guarda. A segunda fase foi a do contrabando do café que acadou cotas industriais; de feito, algúns tostadeiros de Vigo ou Ourense foron simples tapadeiras para xustificar unha produción que viña empaquetada desde Portugal. Desde Galicia funcionou unha rede de contrabandistas que abranguía toda España. A Revolução dos Cravos e a perda das colonias portuguesas supuxo o final definitivo deste negocio. O contrabando de tabaco supuxo o terceiro período, aínda que foi un xénero sempre presente nesta actividade polo seu elevado rendemento; ata un setenta por cento do valor dun paquete do tabaco rubio no mercado legal son impostos que van directamente ao Estado. Trátase dunha mercadoría lícita que estivo suxeita, ata hai pouco tempo, ao monopolio do Estado e que está gravada por unha elevada taxa, polo que a súa ilícita comercialización produciu cuantiosas ganancias. Distínguense dous períodos dentro desta actividade: unha primeira etapa artesanal que finalizou a comezos dos anos setenta, e unha segunda de carácter industrial que se estendeu dende aquela. O contrabando industrial de tabaco asentouse nas Rías Baixas e tivo un gran desenvolvemento entre 1978 e 1982 debido ao baleiro legal que existía. A Constitución de 1978 non permitía a imposición de penas de privación de liberdade senón só multas, polo que se consideraba unha falta administrativa. Os contrabandistas eran todos insolventes, xa que dispuñan de homes de palla como titulares dos seus bens. Non obstante , a lei de 1982 converteu o contrabando en delito penal. Durante este tempo as distintas organizacións de contrabandistas tiñan asentada unha rede capaz de introducir de xeito fraudulento calquera xénero, lícito ou non. Por outra banda, o contrabando industrial estendeu a corrupción entre algúns funcionarios públicos e converteu a delincuentes comúns en personaxes poderosos, mesmo vinculados coa política nun perigoso proceso de “sicilianización”. A pesar das redadas e operacións policiais, en 1983 produciuse unha desbandada xeral e boa parte dos xefes fuxiron a Portugal sen que tivese lugar ningún proceso. Tralo ingreso de España na Unión Europea, suspendéronse todos os casos abertos por delitos de contrabando, pois deixou de ser delito a circulación de mercadorías lícitas entre os países membros da Unión. Os contrabandistas argumentaron ao seu favor que o tabaco procedía de portos europeos, sobre todo holandeses, polo que non cometían ningún delito. Calcúlase que entre 1970 e 1990, a metade do tabaco introducido no territorio fiscal de España se fixo pola costa galega ou pola fronteira galego-portuguesa. A quebra para o Tesouro calcúlase por riba do billón de pesetas. Amparados na impunidade e dispoñendo de medios técnicos, contactos e recursos económicos, as fases terceira e cuarta do contrabando galego solapáronse e converxeron nun resultado temido: as redes de contrabando de tabaco empezaron a introducir abertamente toda clase de estupefacientes a grande escala. Medidas tardías, como o control das embarcacións auxiliares en terra (o chamado decreto Barrionuevo), non acadaron os resultados desexados e algunhas das bandas trasladaron as súas bases de lanzamento á desguarnecida costa portuguesa ou cambiaron de táctica: os grandes barcos levan a bordo as súas propias lanchas auxiliares. A reconversión do contrabando industrial de tabaco en narcotráfico foi, salvo contadas excepcións, un fenómeno xeneralizado. As actividades das bandas criminais abranguen dende a introdución dos derivados do cánabo, empregando mesmo os barcos de pesca, ata o tráfico a gran escala de cocaína. A pesar das operacións e procesos de desmantelación, estas bandas teñen unha gran capacidade de recuperación e continúan desenvolvendo estas actividades. Fronte a isto, xurdiu en Galicia unha contestación social cristalizada en diversas organizacións e colectivos antidroga que realizan labores de prevención e rehabilitación de drogodependentes e reivindican un endurecemento das penas.

  2. s m

    Conxunto de mercadorías que se introducen, venden ou fabrican clandestinamente.

    Ex: A policía apreixou un barco cheo de contrabando.

  3. s m

    Comercio ou industria ilegal.

  4. s m

    Calquera cousa que cómpre ocultar por ser ilegal ou ilícita.

  5. contrabando de guerra [BÉL]

    Envío de armas, municións e outros materiais bélicos dun estado neutral a outro belixerante. Representa unha violación dos dereitos de neutralidade e pode ocasionar, como penalización, o secuestro e a confiscación dos bens transportados. O delito de presa só se pode exercer sobre material bélico.