contracultura

contracultura

(< contra- + cultura)

s f [POLÍT/SOCIOL]

Manifestación sociolóxica e política dun movemento e fenómeno social que ten o obxectivo de subverter e superar o sistema tradicional de valores da sociedade capitalista, dogmática e autoritaria. O seu anticonvencionalismo manifestouse nas actitudes de grupos marxinais con reivindicacións de signo radical. Xurdiu na metade da década dos sesenta nos EE UU, especialmente entre os mozos que rexeitaban os valores sociais e os modos de vida establecidos, e en certos países europeos. Os primeiros acontecementos contraculturais en Europa foron as actividades dos provos no 1965 en Amsterdam e a publicación en Londres de Sigma. A Tactical Blueprint (Sigma. Un anteproxecto táctico, 1964), de Alexander Trocchi. Entre outras manifestacións cómpre salientar a utópica revolta dos diggers e a súa derivación no movemento hippy, a acción de enragés e situationistes nos feitos do Maio do 1968 en París, o radicalismo ecoloxista de People’s Park en Berkeley (1969), os ideais dos comuneiros ingleses da London Street Commune (1969) e a expansión do feminismo belixerante co movemento Women’s Liberation.

Palabras veciñas

contractualista | contractura | contracuartel | contracultura | contracultural | contracurva | contradanza