contrato

contrato

(

  1. [DER]
    1. s m

      Acordo de vontades dirixido á regulación dunha determinada situación xurídica que se constitúe como un negocio xurídico de natureza patrimonial. Os seus elementos esenciais son o consentimento das partes; o obxecto, que poden ser todas as cousas que non estean fóra do comercio dos homes, incluídas as futuras; e a causa da obrigación que se estableza. Os seus elementos accidentais son a condición, o termo e o modo. Obriga a cumprir aquilo que as partes contratantes asinaron, aínda que a intervención do Estado no terreo xurídico limitou a autonomía da vontade e estableceu determinadas figuras xurídicas, como o contrato de adhesión, o contrato normal e o pacto normativo. A súa nulidade declárase cando existe algún defecto que lle impide producir os seus efectos; a anulabilidade prodúcese cando ten un vicio que dá lugar a unha acción de nulidade da parte prexudicada. Clasifícase en oneroso ou gratuíto, segundo se estipule ou non unha contrapartida; consensual, real ou solemne, segundo teña a súa orixe no acordo entre as partes, na entrega da cousa ou na relación entre contratos anteriores; conmutativo e aleatorio, os onerosos segundo dependan dun acontecemento incerto ou segundo os determine o valor da prestación; unilateral ou bilateral, segundo obriguen a unha das partes ou a ambas as dúas de xeito recíproco.

    2. s m

      Conxunto normativo ao que as partes contratantes suxeitan a súa conduta para alcanzar os obxectivos ou resultados que se propugnaron ao facer o contrato.

    3. contrato administrativo

      Contrato celebrado por unha administración pública con persoas naturais ou xurídicas que ten por obxecto a organización ou o funcionamento dun servicio público. O seu elemento diferenciador é a existencia das denominadas claúsulas exorbitantes do dereito común, polas que se impoñen cargas ao particular ou se outorgan facultades á administracion que serían inadecuadas no marco dun contrato privado, como a interpretación ou o acordo de resolución dos contratos. Son os característicos de obras, de xestión de servicios públicos, de subministros, de consultoría e asistencia, e de servicios. Existen contratos administrativos especiais con obxecto distinto aos anteriores, pero que conservan a natureza administrativa.

    4. contrato aleatorio

      Contrato no que unha das partes, ou ambas as dúas de xeito recíproco, se obrigan a dar algunha cousa en equivalencia do que a outra vai facer. Prodúcese en caso dun acontecemento incerto ou cando ocorra nun tempo indeterminado.

    5. contrato atípico

      Contrato que, aínda mencionado pola lei, está desprovisto dunha normativización específica, polo que se deixa a súa concreción á autonomía das partes.

    6. contrato bancario

      Contrato celebrado entre unha entidade bancaria e os seus clientes referido aos préstamos e depósitos. Adoita levar aparellado un servizo de caixa que se instrumenta a través dunha conta corrente.

    7. contrato consensual

      Contrato que se perfecciona polo mero consentimento e sen ningún requisito de forma especial.

    8. contrato declarativo

      Contrato que tende a constatar a existencia dunha relación xurídica. O seu contido debe atribuírse ás anteriores declaracións contractuais das partes.

    9. contrato de adhesión

      Contrato no que o seu contido é prerredactado por unha das partes para unha pluralidade de contratos. Excluída calquera negociación sobre o mesmo, a persoa interesada en contratalo só pode aceptalo tal e como se lle ofrece ou renunciar á súa celebración.

    10. contrato de empresa

      Contrato realizado de modo continuo polos empresarios no desenvolvemento da súa actividade profesional e que presupón ou necesita dunha organización empresarial.

    11. contrato de sociedade civil

      Contrato polo que dúas ou máis persoas se obrigan a poñer en común servicios, bens ou industrias coa finalidade de repartir entre elas as ganancias.

    12. contrato de traballo

      Negocio xurídico bilateral que ten por finalidade a creación dunha relación xurídica laboral. Está constituído polo intercambio continuado entre unha prestación de traballo dependente e unha prestación salarial. Existen diversos tipos de contratos: contrato de duración determinada, no que as partes negan desde o principio a permanencia indefinida da súa relación e prevén as circunstancias que lle porán fin; contrato de grupo, modalidade na que o empresario celebra un contrato cun grupo de traballadores considerado na súa totalidade, cun representante que é o xefe do grupo e que responde das obrigas co empresario; contrato de interinidade, o concertado para substituír os traballadores da empresa con dereito a reserva do posto de traballo; contrato en prácticas, o realizado co traballador que está en posesión dunha titulación específica para a prestación dun traballo retribuído que lle permita a obtención da práctica profesional adecuada ao nivel de estudios cursados; contrato de posta a disposición, o celebrado entre unha empresa de traballo temporal e unha empresa usuaria e que ten por obxecto a cesión do traballador entre a primeira e a segunda; contrato de relevo, o contrato a tempo parcial polo que se substitúe a parte da xornada deixada vacante por un traballador que accede á xubilación parcial; contrato a domicilio, aquel no que a realización da actividade laboral se realiza no domicilio do traballador ou nun lugar libremente elixido por este sen vixilancia do empresario; contrato eventual, o concertado por circunstancias da produción e que se concerta para atender as esixencias circunstanciais do mercado, a acumulación de tarefas e o exceso de pedidos, aínda que se trate da actividade normal da empresa; contrato de obra ou servicio, o que ten por obxecto a realización dunha actividade con autonomía e substantividade propias dentro da actividade da empresa, cunha duración incerta, aínda que limitada no tempo; contrato por tempo indefinido ou de duración permanente, aquel que se concerta para que as prestacións recíprocas se sucedan indefinidamente, agás cando concorra unha circunstancia extintiva; contrato a tempo parcial, aquel que obriga o traballador a prestar os seus servicios durante un número de horas ao día, á semana, ao mes ou ao ano, inferior ao considerado habitual na actividade de que se trate; e contrato para traballos fixos e periódicos de carácter discontinuo, forma de contrato a tempo parcial polo que se contrata indefinidamente o traballador para a execución de actividades habituais na empresa e que non esixen a súa prestación todos os días.

    13. contrato estimatorio

      Pacto de colaboración polo que unha das partes, o comerciante por xunto, se obriga a entregar determinadas cousas mobles e a outra parte, o comerciante polo miúdo, asume o compromiso de proceder á súa venda dentro dun prazo determinado e, ao finalizar o prazo, debe restituír as cousas non vendidas e aboar o valor establecido das que puidese vender.

    14. contrato forzoso

      Contrato imposto pola autoridade pública aos contratantes sen contar coa súa vontade, incluso en contra dela. Prodúcese en épocas de carestía de bens considerados de alta necesidade nas que é preciso asegurar a súa difusión no mercado.

    15. contrato mercantil

      Contrato no que se concerta a realización dalgún dos actos de comercio ou das formas do contrato de empresa.

  2. s m

    Documento no que se recolle o acordo contractual.

    Ex: Rachou o contrato diante dos membros da empresa.

  3. s m [LIT]

    Termo proposto por Algirdas Julien Greimas (1966) no marco da semiótica que denomina a relación establecida entre dous suxeitos e os termos nos que se produce o seu acordo. Fálase de contrato unilateral cando un suxeito acepta o compromiso proposto, mentres que se existe un intercambio de compromisos existe un contrato bilateral. Concibido como un dos eixes narrativos principais do relato, a evolución dunha trama depende da aceptación do contrato por parte do destinatario, convertido no suxeito (o heroe), que será recompensado ou castigado dependendo do cumprimento ou non do acordo. Varía segundo as características de cada xénero; así a verosimilitude pode ser máis ou menos estrita se o relato se axusta ás convencións da literatura realista, ou pode afastarse da realidade na literatura fantástica.

  4. contrato social [FILOS/POLÍT]

    Teoría que trata de explicar a orixe das institucións sociais na historia como resultado dun pacto ou acordo de vontades implícito entre os individuos, e entre estes e a comunidade (contractualismo). Hobbes, Locke e Rousseau profundizaron neste concepto como explicación do papel do Estado e a súa relación cos dereitos individuais.

Refráns

  • Trato e contrato enchen o prato.