convección
(< lat convectĭōne)
-
s
f
[FÍS]
Transporte de materia, enerxía ou cantidade de movemento que se produce nun fluído polo movemento do conxunto das súas moléculas. Aplícase esta denominación, especialmente, á convección da calor, que é o transporte de calor duns puntos a outros dentro dun fluído. Basicamente, distínguense dous tipos de convección: a convección natural ou libre, na que o movemento do fluído está causado exclusivamente pola acción da gravidade sobre os gradientes de densidade orixinados polos gradientes de temperatura existentes, que rompen o equilibrio hidrostático, e a convección forzada, na que o movemento do fluído mantense por accións externas (ventilación, axitación, bombeo, etc). As leis de transmisión da calor por convección son complexas, debido ao gran número de variables que interveñen, como a temperatura, a viscosidade, a densidade, a condutividade térmica, a calor específica e a natureza do recipiente; sen embargo, nunha primeira aproximación, pódese expresar o fluxo de calor entre o fluído e o recipiente que o contén mediante a lei de Newton do arrefriamento: q=hAKT, onde h é o coeficiente de intercambio térmico da superficie, A a área da superficie do fluído que está en contacto co recipiente e KT a diferenza de temperaturas entre a superficie en contacto co recipiente e a masa principal do fluído. As correntes de convección en líquidos teñen aplicación nos sistemas de calefacción por auga de circulación non forzada e, no caso dos gases, nos tiros das chemineas. A maior parte das correntes mariñas e atmosféricas (ventos) teñen orixe convectiva, xa que se producen por sobrequentamento dunhas áreas respecto a outras.
-
s
f
[FÍS]
Proceso consistente na produción dunha corrente eléctrica por medio do transporte de cargas por algún procedemento especial, diferente da aplicación dun campo eléctrico, como pode ser o arrastre mecánico das partículas electrizadas mediante unha correa (sistema empregado no xerador de Van der Graaf).
-
correntes de convección
[METEOR]
Movemento vertical das masas de aire na atmosfera debido ao diferente grao de quecemento das capas de aire próximas ao solo. Cómpre non confundilos coas correntes de subsidencia, pois estas presentan un movemento exclusivamente descendente.
-
teoría da convección
[FÍS]
Teoría que explica a xénese do campo magnético terrestre baseándose na existencia de lentos movementos de convección no interior da Terra, orixinados polas diferencias de temperatura das rochas radioactivas. Estas correntes son, en realidade, responsables dunha pequena parte do magnetismo terrestre. As correntes de convección producen unha certa expansión dos fondos oceánicos ao ascender baixo as dorsais centrooceánicas e ao descender baixo os arcos insulares e as montañas continentais.