Coombs, Philip H.
Político da educación. Foi secretario de Estado para a Educación e a Cultura durante a presidencia de J. F. Kennedy e despois director da Fundación Ford para o Avance da Educación. No seu informe The World Educational Crisis (A crise educacional mundial, 1968) avaliou as tendencias e cambios que se detectaban nas políticas educativas estatais e destacaba os problemas e tamén as oportunidades ás que había que enfrontarse. Despois foi director (1963-1968) do Instituto Internacional de Planificación Educativa, dependente da UNESCO, vicepresidente do Consello Internacional para o Desenvolvemento Educativo (CIDE) e pertenceu á Comisión Asesora Internacional para a Reforma Educativa Española de 1970. Posteriormente, a petición da UNESCO, elaborou un novo informe, The World Crisis in Education: The View from the Eighties (A crise mundial en educación: unha visión dende os oitenta, 1985), onde se revisaban os cambios mundiais no desenvolvemento educativo dende 1968 e se puña de relevo o crecemento das necesidades de aprendizaxe. Forma parte, con Torsten Husen e E. Faure, entre outros, do grupo de analistas dos avances educativos a escala mundial, ao amparo da OCDE e da UNESCO.