cooperativismo
(< cooperativo)
-
s
m
[ECON/POLIT]
Movemento social que promove a creación de cooperativas dirixidas ao mercado e caracterizadas pola coincidencia do traballo e o capital nas mesmas persoas. En razón da súa finalidade pódense distinguir diversos tipos: cooperativas agrícolas, de crédito, de vivendas, de produción ou de consumo.
O cooperativismo no mundo
Pódense considerar os agricultores primitivos, os gremios medievais europeos, as comunidades agrarias asiáticas e determinados movementos de migración, como os primeiros exemplos dun proceso cooperativista que acadou trazos formais e ideolóxicos a finais do s XVIII. Os primeiros teóricos do cooperativismo, Fourier, Considérant, Blanc, Cabet, Owen e King, definírono como unha modalidade de asociación económica no marco de propostas reformistas que se poden considerar utópicas: os falansterios de Fourier ou os obradoiros de Blanc. Nos seus comezos, as cooperativas eran tamén sociedades obreiras (sociedades de apoio mutuo, sindicato e centros de formación); sen embargo, a medida que se consolidaba o asociacionismo obreiro de carácter político, sobre todo despois de 1864, foron abandonando esa función. Neste sentido, Lenin consideraba o cooperativismo unha fase anterior cara a unha forma superior de cooperación: a cooperación produtiva dos kolkhoz. As primeiras cooperativas de produción (carpinteiros e tipógrafos) apareceron en París en 1831 como asociacións obreiras; sen embargo, foi na cooperativa dos Equitables Pioneers of Rochdale, fundada en 1844, onde se fixaron os principios básicos do cooperativismo moderno: libre adhesión dos socios, cada socio un voto, limitación do capital achegado polo socio e participación nos beneficios da cooperativa en proporción ás actividades do socio. A primeira cooperativa de crédito, as caixas Schulze-Delitsche, apareceron en Alemaña en 1859. O cooperativismo acadou unha presencia relativa na actividade económica dos países ao longo do s XX, sobre todo nos países nórdicos (Suecia, Finlandia ou Islandia).
O cooperativismo en Galicia
Malia que o carreto ou a utilización dos muíños poidan ser considerados como os precedentes do cooperativismo galego, baixo o seu aspecto moderno xurdiu a finais do s XIX a imitación dos exemplos da cooperativa industrial de Rochdale e das cooperativas de crédito alemanas. As primeiras cooperativas galegas estiveron vinculadas aos militares; así, en 1884, un grupo de militares en Ferrol promoveu a Cooperativa del Ejército y la Armada, que mantiña unha xastrería, un montepío e unha caixa de aforros. Seis anos máis tarde apareceu na Coruña a Sociedad Cooperativa Civil y Militar, que posuía unha panadería e varias casas. Finalmente, no ano 1895, creouse en Santiago de Compostela a Sociedad Cooperativa Cívico-Militar. A aprobación da Lei de Sindicatos Agrícolas en 1906 favoreceu a creación de numerosas sociedades cooperativas vinculadas co agro, sobre todo ao sector gandeiro, e entre as que hai que destacar a cooperativa de Porriño, que conseguiu edificar na década de 1920 o seu propio matadoiro. A Lei de Cooperativas, de setembro de 1931, facilitou a creación de novas cooperativas, como a Federación Agropecuaria do distrito de Negreira, a principal abastecedora do mercado cárnico de Barcelona, e a cooperativa de produtores de semente que desapareceu trala Guerra Civil (1936-1939). O Partido Galeguista foi un activo defensor e promotor do cooperativismo, xa que consideraba que era o sistema máis efectivo para solucionar os problemas do agro galego. Non obstante , a Guerra Civil acabou con todo o movemento cooperativista, que non volvería refacerse ata xaneiro de 1942, cando se publicou a Lei de Cooperación, que permitía crear este tipo de asociacións sempre baixo a supervisión do delegado do sindicato vertical. Non obstante , o crecemento do cooperativismo en Galicia comezou nos anos sesenta, tanto a nivel rural (creación de cooperativas agrícolas como COREN, FEIRACO, Leyma, ou cooperativas de crédito rural, como a Caixa Rural de Lugo) coma a nivel urbano, coa aparición das cooperativas industriais, cooperativas vinculadas ao mar, cooperativas de consumo e cooperativas de vivendas, que chegaron a crear barrios enteiros, como é o caso de Coia en Vigo.
A implantación do cooperativismo na economía galega
En Galicia ten especial presenza dentro de dous sectores: a industria téxtil e o agropecuario. A primeira naceu progresivamente como consecuencia da substitución do traballo a domicilio (domestic system), predominante no momento da implantación desta industria nos anos setenta. Neste sector, os cooperativistas adoitan ser maioritariamente mulleres e dedícanse fundamentalmente á produción de pezas de vestir para as principais empresas da confección (Inditex, Caramelo, Florentino, Adolfo Domínguez, Roberto Verino, etc). Da estreita vinculación coas grandes empresas téxtiles deriva a súa localización: as comarcas onde posúen máis presenza son Bergantiños, A Coruña, O Deza, Ourense e Verín. A importancia das cooperativas agrarias aínda é máis salientable, tanto económica coma espacialmente. Existen cooperativas na produción láctea, na vitivinícola, na cárnica ou na avícola. Unhas cooperativas limítanse á adquisición da produción para a súa venda posterior; outras só prestan servicios, mentres que algunhas transforman e comercializan a produción dos seus asociados; tamén é frecuente a combinación de todas esas funcións. Subministran pensos para o gando, moitas veces fabricados nas súas instalacións, facilitan a adquisición de fertilizantes, produtos fitosanitarios ou veterinarios, prestan asistencia veterinaria ou ceden maquinaria agrícola; todo isto coa finalidade de aumentar a produtividade dos seus asociados. O seu ámbito territorial é usualmente parroquial ou municipal, incluso en ocasións comarcal; son pouco frecuentes as que operan nun marco territorial superior (como acontece nos casos de COLAGA, COREN ou Leyma). Polo xeral, e a excepción das máis grandes, crean pouco emprego directo (a man de obra constitúena fundamentalmente os cooperativistas) e contan coas instalacións precisas para o seu funcionamento (almacén, en moitas ocasións fábrica de pensos e depósitos reguladores de leite; algunhas veces laboratorios, farmacia veterinaria, parque de maquinaria e, moi raramente, economatos), financiadas polos seus socios. Onde o cooperativismo ten máis importancia é no subsector lácteo, no que controla o 44% da produción galega. Entre estas entidades destacan Feiraco, cooperativa da Barcala formada por máis de 1.600 socios; COLAGA, asociación que reúne a 18 cooperativas e máis de 3.000 cooperativistas; e Leyma, empresa formada por 38 sociedades que inclúen case 1.600 produtores. O cooperativismo no sector da carne de vacún é moito menor. Tamén é salientable a presenza do cooperativismo no subsector vitivinícola, especialmente na elaboración de viños de calidade controlada polos Consellos Reguladores de Denominacións de Orixe: as cooperativas comercializan o 72% deses viños e controlan o 50% da uva vendimada no Ribeiro, o 90% da de Valdeorras e o 21% da das Rías Baixas. Pero onde o cooperativismo adquiriu unha importancia singular foi no subsector avícola, principalmente debido ao caso de COREN, a cooperativa agraria máis importante de Galicia, que agrupa máis de 5.000 explotacións e dá traballo a outros 2.300 empregados non titulares. Tamén aparecen cooperativas de crédito, das que só permanece a Caixa Rural de Lugo, entidade coa finalidade de ofrecerlles aos agricultores financiación con xuros baixos destinada á modernización das explotacións agrarias. Fóra do sector téxtil e do agropecuario, a súa presenza é marxinal, e só destacan as cooperativas de venda polo miúdo, que levan a cabo compras en mancomunidade a fabricantes para obter prezos en mellores condicións ca os comerciantes minoristas asociados (como a cooperativa de ferraxeiros Las Rías ou a farmacéutica COFAGA). Xa non como medio de traballo ou produción, as abundantes cooperativas de particulares para a construción de vivendas nacen como medio para obter unha residencia a prezos máis accesibles. -
s
m
Movemento ou doutrina favorable á cooperación.