copia

copia

(

  1. s f

    Gran cantidade ou abundancia dalgunha cousa.

  2. s f
    1. Acción e efecto de copiar.

    2. Cousa que se fixo copiando.

      Ex: Fíxolle unha copia á carta como proba.

    3. Cada un dos exemplares que reproducen algo.

      Ex: Tiña unha copia da chave. Vendeu máis de 300.000 copias do seu último disco.

    4. [ARTE]

      Reprodución artesanal máis ou menos exacta dunha obra de arte. No período helenístico difundiuse moito o seu uso. Unha gran parte das estatuas da Grecia clásica recoñecéronse a través das copias romanas. No mundo moderno, os artistas realízanas para acadar unha maior perfección técnica.

    5. [IMAX]

      Exemplar positivo obtido a partir dun negativo. En cinematografía sácase primeiro a copia de traballo para facer as operacións de montaxe e despois a copia de explotación ou estándar.

    6. [FILOL]

      Transcrición dun texto ou dun documento manuscrito. Podía facerse directamente a partir do orixinal ou dunha copia. En calquera caso, era frecuente que a copia comportase unha alteración do texto por mor da maior ou menor capacidade e atención do copista quen, por outra banda, intentaba ás veces mellorar o texto que tiña diante. É tarefa da crítica textual atopar o texto orixinal a través das distintas copias. Diferénciase entre copia autógrafa, se estaba feita polo mesmo autor dun orixinal autógrafo ou polo mesmo escribán que estendía o orixinal heterógrafo; copia auténtica, se estaba lexitimada e confirmada oficialmente polas chancelerías; e acopia imitativa ou simulada, se era unha transcrición dun documento que non citaba a data do traslado nin o nome do copista.

    7. [DER]

      Reprodución literal dun escrito orixinal que se realiza integramente ou en extracto. Para que teña validez xurídica, debe ser autorizada polo notario coas formalidades do dereito. Pode ser certificada ou simple, segundo a formalidade empregada polo notario. A copia notarial pode ser primeira, cando se trate do traslado da escritura matriz que ten dereito a obter por unha soa vez cada un dos contratantes; ou segunda, que se expide por mandato xudicial, con citación dos interesados e que se destina a proporcionar unha copia a terceiras persoas e tamén a aquelas que teñan o dereito de obter unha primeira copia e xa a obtiveran. Ten carácter de escritura pública.

    8. [INFORM]

      Reprodución exacta dun arquivo ou de parte do mesmo.

    9. copia cero [COMUN]

      Aquela que o publicitario lle presenta ao anunciante como resultado final dunha rodaxe, como copia definitiva dun anuncio publicitario.

    10. copia de seguridade

      Copia que se fai co obxecto de poder recuperala se fallase o arquivo orixinal ou se fose necesario recuperalo antes de que se sometera a modificacións.

  3. s f

    Cousa que imita ou que é moi parecida a outra.

    Ex: O libro non é máis que unha copia dos clásicos.

    Confrontacións: plaxio.
  4. copia de contacto [IND/ARTE]

    Positivado de negativos que se poñen directamente sobre o papel, sen amplialos.

Palabras veciñas

Copérnico, Nicolao | copete | Copi | copia | copiable | copiador -ra | copiar