copla

copla

(< lat copŭla ‘unión,enlace’)

  1. s f [LIT]

    Composición breve que, ben illada, ben en serie, serve de letra a unha cantiga popular ou outra que a remeda. Nun sentido métrico estricto, corresponde por antonomasia a unha combinación de catro versos octosílabos, con rima asonante nos versos pares e sen rima nos impares. De xeito máis xeral, designa igualmente un tipo de composición poética pertencente á tradición popular, que se cultivou tamén na poesía culta medieval, na do Século de Ouro e na vertente popularista da literatura contemporánea. Admite un amplo abano de temas (amor, relixión, filosofía, moral, valores ou actitudes patrióticas, etc) e presenta diferentes formas segundo a distribución das rimas e as súas diferencias métricas ao longo da historia. Na Idade Media, as Leis de Amores catalogaron máis de setenta coplas diferentes; a obra de Juan de Mena Laberinto de Fortuna, ten tamén por título Las Trescientas [coplas] e Jorge Manrique escribiu as Coplas a la muerte de su padre. A mediados do s XV o nome de copla designou, case sempre, máis un xénero literario ca os elementos constitutivos dunha obra.

  2. copla castelá [LIT]

    Composición de oito versos octosílabos distribuídos en dúas semiestrofas de catro versos, con catro rimas consonantes diferentes cruzadas ou abrazadas. Emprega varios esquemas métricos (abbacddc, abbacdcd, etc). A inclusión dunha cuarta rima faina máis sinxela ca a de arte menor e dálle un ton arcaico. Procede, posiblemente, da lírica galego-portuguesa.

  3. copla de arte maior [LIT]

    Estrofa de rima consonante que na Idade Media substituíu a caderna vía e que posteriormente foi relegada polo auxe dos hendecasílabos, da oitava real e do soneto. Consta de oito versos de arte maior, polo común dodecasílabos, con dúas ou tres rimas consonantes diferentes, cruzadas ou abrazadas e organizadas de catro en catro. Os versos cuarto e quinto adoitan rimar entre eles. Pode seguir distintos esquemas métricos (ABBA-ACCA; ABABBCCB, etc). Nalgúns casos presenta leves oscilacións na medida dos versos, posto que o que a define é ante todo a colocación de dous acentos separados por dúas sílabas átonas en cada hemistiquio. Algúns teóricos afirman que a súa orixe está na poesía medieval galego-portuguesa. Empregouse con asiduidade na lírica culta castelá do s XV.

  4. copla de arte menor [LIT]

    Estrofa formada, polo común, por oito versos octosílabos, con tres rimas consonantes diferentes cruzadas ou abrazadas. Adopta esquemas métricos diversos (abbacca; ababacca, etc). Foi habitual na poesía popular ata a segunda metade do s XV, momento no que se impuxo a copla castelá.

  5. copla de pé crebado [LIT]

    Estrofa que consta de seis versos, catro octosílabos e dous pés crebados tetrasílabos, isto é, que se organiza en dous tercetos octosílabos simétricos rematados cada un deles nun cuarto verso tetrasílabo. Ten rima consonante con esquemas como 8a8b4c8a8b4c. No caso de existir versos de pé crebado que midan cinco sílabas, haberá que considerar a incidencia de fenómenos métricos como a compensación ou a sinalefa. Denomínase tamén dobre sextilla, copla manriqueña ou copla de Jorge Manrique, xa que a difundiu Jorge Manrique no poema Coplas a la muerte de don Rodrigo Manrique.

  6. copla mixta [LIT]

    Molde métrico que pode ter de sete a doce octosílabos e un número variable de rimas, con ou sen enlace entre as dúas semiestrofas. Procede da poesía occitana medieval e seguiu empregándose ata o Século de Ouro español.

  7. copla real [LIT]

    Estrofa de dez versos octosílabos consonantes distribuídos en dúas semiestrofas de cinco versos con rimas diferentes (abaab cdccd). Divulgada por Juan de Mena, proliferou nos cancioneiros casteláns dos ss XV e XVI; posteriormente, constituíu unha das formas máis frecuentes do epigrama. Denomínase tamén décima falsa, estancia real ou quintilla dobre.