Corbaccio, Il

Corbaccio, Il
[LIT]

Obra en prosa escrita por Giovanni Boccacio en lingua vulgar, a mediados do s XIV, nunha data imprecisa que oscila entre os anos 1354, 1355 e 1365. No tocante ao título, tampouco existe un acordo sobre a súa etimoloxía e o seu significado. As hipóteses fundamentais apuntan, por unha banda, a unha voz de orixe árabe que significa ‘azoute’ ou ‘castigo’ e, pola outra, a un derivado pexorativo do italiano corbo (corvo), símbolo do amor funesto ou da muller que o inspira. O texto responde aos ideais morais do cristianismo eclesiástico medieval, que rexurdira en Florencia a finais do s XIV, combinando a alegoría coa sátira dentro da forma global dun exemplum. Un narrador en primeira persoa expón o seu caso como exemplo da bondade divina, que o salvou do suicidio levado polo desamor e que lle enviou un soño adoutrinador para liberalo da súa paixón fatal e devolvelo ao camiño da gracia. O soño entronca coa tradición da viaxe polo outro mundo como camiño cara á verdade purificadora e, en particular, coa Divina Comedia de Dante Allighieri. No seu curso, recibe a visita do espírito do marido da viúva da que está namorado, morto pola súa culpa, quen o disuade do seu empeño ofrecéndolle unha visión realista dos defectos físicos e morais da viúva e das demais mulleres. A revelación, extensa e detallada, alterna o escatolóxico e o divertido e acada as dimensións dunha pequena novela de costumes, o que desborda a intención inicial de ofrecer un remedio contra o amor, na liña iniciada por Ovidio e recollida nos tratados medievais máis significativos sobre o mal de amores, como o de Arnau de Vilanova e o do médico árabe Ali-al-Abbas-al-Majusi. A descrición degradante da viúva comeza pola alusión á transgresión dos códigos do amor cortés: gardar o segredo amoroso e non alentar a quen non se vai corresponder. A través do seu comportamento retrátase a muller cos trazos que se repiten nos tratados antifeministas de autoridades en teoloxía e moral como San Xerome, Hugo de San Víctor, Xoán de Salisbury ou Vicente de Beauvais, procedentes de autores pagáns como Juvenal ou de Teofrasto, do seu fragmento de De nuptiis. O resultado é unha figura feminina que é todo o contrario da dama cortés que pretende ser, e que responde plenamente ao espírito de De contemptu mundi, que animou a visión cristiá da vida durante a alta Idade Media. A obra presenta a historia como unha comedia, tanto pola linguaxe de sátira menipea que emprega e pola mesma intención satírica, coma pola dirección da peripecia, que empeza mal, co narrador sumido na desesperación, e remata ben, tras acadar a súa salvación. Intégrase na tradición de literatura misóxina amplamente difundida na Idade Media latina e románica. Acadou gran popularidade na Península Ibérica durante a Baixa Idade Media e foi a obra en lingua vulgar máis lida deste autor na época. Deu lugar a unha tradución catalá de Narcís Franch de 1397 e ao tratado do Arcipreste de Talavera, coñecido popularmente como El Corbacho.