COREN

COREN

Grupo cooperativo agroalimentario ourensán creado a principios da década dos sesenta baixo a iniciativa de Euloxio Gómez Franqueira. A primeira cooperativa naceu coa idea de unir os labregos para acadar unha maior rendibilidade na comercialización dos produtos do campo. Nun principio, cada cooperativa tiña un funcionamento e organización independentes, e estaba dirixida por unha xunta rectora. Non obstante , co tempo, uníronse cooperativas de distintas actividades ata conformar as 16 cooperativas que agrupan a 3.200 socios cooperativistas e máis de 2.200 empregados. Ten unha facturación de 81.000 millóns de pesetas. Conta con plantas de incubación e clasificación de ovos, fábricas de pensos, matadoiros e outras industrias que permiten o desenvolvemento completo do proceso, dende a produción de materias primas ata a súa transformación, industrialización e comercialización. Está especializado en produtos avícolas, vacúns, porcinos e produtos elaborados no mercado español e en numerosos puntos do mercado comunitario e internacional. As empresas que conforman o grupo son: Novafrigsa, dedicada á carne de vacún; Frigolouro, dedicada ao porcino; Santa Cruz, industria cárnica avícola; as sociedades comerciais Galsa e Louriño; e a franquicia de produtos precociñados, Coren-Grill. Conta cunha factoría de envasado de leite en San Cibrao das Viñas, onde tamén ten instalacións destinadas á produción de pensos e outros produtos de alimentación animal. A súa filial, Cooperativa Galega de Criadores e Engordadores, é un dos máximos representantes do cooperativismo na carne de coello galega. Dende o 2001 patrocina, xunto coa facultade de Ciencias de Ourense, o Premio Coren de Investigación Alimentaria.

Palabras veciñas

Corelli, Dario | Corelli, Franco | Corema | COREN | coreño -ña | corenta | corenta