Corgo, O

Corgo, O


Concello da comarca e da provincia de Lugo, situado no L da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Lugo e Castroverde (comarca de Lugo), ao L co de Baralla (Os Ancares), ao S cos de Láncara e O Páramo (Sarria), e ao O con Guntín e Lugo (os dous da comarca de Lugo). Abrangue unha superficie de 157,3 km 2 cunha poboación de 4.095 h (2007) distribuída entre as parroquias de Abragán, Adai, O Alto, Anseán, Arxemil, Bergazo, Cabreiros, Campelo, Camposo, Castrillón, Cela, Cerceda, Chamoso, O Corgo, Escoureda, Farnadeiros, Folgosa, Fonteita, Franqueán, Gomeán, Lapío, Laxosa, Maceda, Marei, Paradela, Pedrafita, Piñeiro, Queizán, Quinte, Sabarei, San Bartolomeu de Chamoso, San Cosme de Manán, Santa María de Manán, Santo André de Chamoso, Santo Estevo de Farnadeiros, Santo Estevo de Folgosa, Segovia e Vilachá. A capital municipal é o lugar do Corgo, na parroquia homónima, situado a 42° 56’ de latitude N e 7° 25’ de lonxitude O, 121 km ao L de Santiago de Compostela e 14 km ao SL de Lugo. Está adscrito ao partido xudicial e á diocese de Lugo.
Xeografía física
O concello do Corgo está baixo o dominio climático oceánico continental, característico das terras da chamada Meseta de Lugo que, situada a unha altitude duns 400-500 m, está fóra da influencia directa dos ventos húmidos por mor da Dorsal Galega. Debido a estes dous factores, o clima do Corgo é oceánico pero matizado por aspectos continentais, como a elevada oscilación térmica ou un volumen de precipitacións menor ca no litoral. Efectivamente, a oscilación térmica é de 11,7°C, como resultado dunha media baixa do mes máis frío (xaneiro con 5,6°C) e dunha media do mes máis cálido moi temperada (xullo, con 18,5°C). Os indicadores térmicos permiten, xa que logo, caracterizar un réxime térmico de invernos fríos e veráns frescos. Polo que se refire ao réxime pluviométrico, as precipitacións distribúense dun xeito bastante homoxéneo ao longo de todo o ano, aínda que se observa unha clara seca estival. Así, no verán só se recolle o 11,4% do total das precipitacións anuais; pola contra, as estacións máis chuviosas son o inverno e o outono, cunhas porcentaxes sobre o total de precipitacións anuais do 34% e 32,7%, respectivamente. Dende o punto de vista do relevo, O Corgo está situado na superficie de erosión denominada Meseta de Lugo. Trátase dunha penechaira situada a unha altitude de entre 400 m e 500 m, de litoloxía predominantemente granítica, aínda que con algúns sectores xistosos e, ao longo dos ríos, con chairas aluviais formadas por sedimentos terciarios e cuaternarios, entre os que destacan as arxilas. A topografía está dominada ao O polo val do Miño, que comeza xa un encaixamento que será máis visible en terras de Portomarín. O sector central do municipio do Corgo caracterízase pola súa planicie, drenado por un sistema de afluentes do río Neira (á súa vez afluente do Miño, ao que se une no SO do termo municipal), entre os que destacan o Tórdea, que nace no concello de Castroverde, e o Chamoso. Nos contrafortes das Serras Orientais, de litoloxía xistosa, é onde están situadas as maiores altitudes e onde teñen a súa orixe boa parte dos cursos de auga que atravesan o termo municipal. Ao NL do concello érguense unha serie de elevacións de pouca entidade que destacan sobre a chaira central, con altitudes superiores aos 700 m, como A Pena da Cruz e os Montes da Uceira.
Xeografía humana
O concello do Corgo experimentou dende 1887 (data do primeiro censo de poboación dispoñible) unha evolución semellante á da maioría dos concellos rurais do interior de Galicia. Nesta traxectoria pódense diferenciar dúas etapas ben diferentes. A primeira etapa (ata 1950) caracterizouse por unha evolución discontinua pero sempre positiva respecto ao crecemento da poboación. Así, se en 1887 a poboación do municipio do Corgo era de 6.616 h, en 1950 acadaba o máximo de toda a serie censual, con 8.544 h. Malia a tendencia xeral ao incremento en todo o período, rexistráronse tamén oscilacións na evolución da poboación, a causa da debilidade dunha economía baseada nos recursos agrarios propios e no policultivo de subsistencia. Especialmente significativo foi o crecemento da poboación na década 1910-1920, que se cifrou nun 1,01% de media anual. A emigración masiva a América deixouse notar na década de 1920, época na que O Corgo rexistrou unha pequena perda de poboación. Esta volveu aumentar no censo de 1940, debido ao freo dos fluxos emigratorios que supuxeron a crise económica mundial dos anos trinta e a Guerra Civil. A Segunda Guerra Mundial mantivo pechadas durante a década seguinte as posibilidades de emigración, factor que contribuíu a que a poboación acadara o seu máximo en 1950, cun crecemento medio anual do 0,5%. A segunda etapa (a partir de 1950) caracterizouse por unha perda progresiva e continuada de poboación. Así, a poboación de 1996 (4.556 h) é case a metade da do ano 1950, como consecuencia do éxodo masivo dos anos sesenta e setenta, provocado pola incapacidade da economía local (debido a un complexo conxunto de factores endóxenos e exóxenos) para ofrecer oportunidades de emprego e outros servizos cunhas condicións semellantes ás áreas urbanas máis desenvolvidas. A evolución negativa deixouse notar xa na década dos cincuenta (cun crecemento anual medio dun -1,3%) e, máis intensamente, na década de 1960, cunha media anual do -2,6%. Dende aquela, aínda que se ralentizou o ritmo de perda de efectivos, a poboación seguiu diminuíndo, feito que provoca unha estrutura da poboación fortemente avellentada. Esta tónica continuou nos inicios do s XXI e, entre 2001 e 2007, a perda de poboación foi do -4,32%. En 2006 o crecemento natural da poboación foi negativo (-12‰) froito dunha baixa natalidade (3,5‰) e unha elevada mortalidade (15,5‰). A poboación vella supón máis da cuarta parte da poboación total, cun 32%, mentres que a poboación nova significa o 10,4% e a poboación adulta, o 57,7%. A composición por sexos está practicamente equilibrada: 50,67% de homes e 49,32% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello do Corgo é do 43,1% (55,7% a masculina e 30,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,4% (49,7% a masculina e 27,2% a feminina) e a taxa de paro é do 10,9% (10,8% a masculina e 11,1% a feminina O sector agropecuario constitúe o motor da economía municipal do Corgo, xa que xera o 33% dos empregos totais. A actividade agropecuaria repártese entre a gandería (dedícanse 1.624 ha a prados e pasteiros) e a agricultura (con 4.213 ha de superficie labrada). Isto débese ao tradicional predominio das pequenas explotacións familiares, que pola súa orientación doméstica manteñen un carácter duplo, agrícola e gandeiro. Non obstante , cómpre sinalar que entre os cultivos destacan, sobre todo, as forraxes para alimentación do gando. A moita distancia están os cultivos de cereais, como o centeo o trigo e o millo ou outros cultivos como a pataca. Destaca especialmente o armentío bovino, que supera as 9.063 cabezas (2007). Trátase dunha gandería especializada fundamentalmente na aptitude láctea, que veu substituír a tradicional aptitude mixta. O seguinte armentío, por orde de importancia, é o porcino, que conta cun total de 1.489 cabezas reprodutoras e 1.150 cabezzas de cebo (2005).. Polo que se refire á estrutura das explotacións, hai que destacar a elevada fragmentación da propiedade e o reducido tamaño das mesmas. O sector secundario é pouco relevante e redúcese ás fábricas transformadoras da madeira, practicamente as únicas dunha industria que lle dá emprego a un 12,6% da poboación ocupada, mentres que a construción ocupa a un 7,75%. Polo que se refire ao sector terciario, que acolle o 46,8% dos ocupados, o comercio, a hostalería (favorecida pola estrada nacional radial N-VI e a Autovía do Noroeste A-6), os transportes, a sanidade, a veterinaria e a administración pública son os principais subsectores. A rede viaria está integrada pola antiga estrada nacional radial N-VI, que, convertida en Autovía do Noroeste A-6, atravesa o municipio de O a L. Ademais, a estrada LU-546 (Lugo-Monforte de Lemos) atravesa o termo municipal de N a S, ao igual cá vía férrea A Coruña-Monforte de Lemos. Unha mesta rede de estradas locais e pistas comunican entre si todas as aldeas e lugares coas estradas principais.
Historia
A antigüidade do poboamento do Corgo amósase nos castros de Castrillón, A Croa, Eirexe e Tras da Zorra. Durante a Idade Media, as parroquias que integran o concello do Corgo pertenceron posteriormente ao condado de Flammosos e, despois de estar baixo o poder dos bispos de Lugo, pasaron a mans da coroa no s XI. Durante o Antigo Réxime, o seu territorio pertenceu ás xurisdicións de Adai (parroquias de Adai, Anseán, Bergazo, Cabreiros, Castrillón, Chamoso, San Bartolomeu de Chamoso, O Corgo, Farnadeiros, Santo Estevo de Farnadeiros, Folgosa, Santo Estevo de Folgosa, Franqueán, Laxosa, San Cosme de Manán, Marei, Piñeiro, Queizán, Santo André de Chamoso, Quinte e Sabarei), Arxemil e Fonteita (parroquias de Arxemil, Fonteita e Pedrafita), Manán e San Fiz (Santa María de Manán e Paradela), Lugo (Segovia e Vilachá) e A Pobra de San Xiao (Abragán, Camposo, Cela, Cerceda, Escoureda, Lapío e Maceda), ademais do couto redondo que constituía a parroquia de Gomeán. O dominio destas xurisdicións, integrantes da provincia de Lugo, correspondíalle a varios señores: o conde de Lemos era señor das xurisdicións de Adai e A Pobra de San Xiao; o bispo lucense administraba a xurisdición de Lugo e o couto redondo de Gomeán; aos cabaleiros da encomenda de Portomarín, da Orde de San Xoán, pertencíalles a xurisdición de Manán e San Fiz, e ademais compartían cos condes de Lemos a parroquia de San cosme de Manán, na xurisdición de Adai; por último, varios fidalgos posuían a xurisdición de Arxemil e Fonteita. A Constitución proclamada en 1812 derrogou esta administración señorial e instaurou o primeiro período municipalista. Daquela constituíuse o concello de Adai, adscrito á provincia de Galicia, que incluía practicamente o territorio da súa antiga xurisdición. Non obstante , en novembro de 1814 o Rei Fernando VII asinou un decreto derrogatorio da Constitución que significou a restauración plena do Antigo Réxime, incluso da súa organización territorial señorial. En 1820, o golpe do coronel Riego restableceu o constitucionalismo, feito que inaugurou un novo período de vixencia da administración municipal, que se prolongou ata 1823, data da segunda restauración absolutista. En 1822, ao crearse a nova provincia de Lugo, o concello de Adai quedou adscrito a ela. Na división administrativa de 1835, trala definitiva instauración do municipalismo, as parroquias do actual concello do Corgo repartíronse entre os concellos de Adai, A Pobra de San Xiao e Lugo. En 1840 estableceuse o concello do Corgo, sen que se produciran ulteriores modificacións.
Patrimonio cultural
No eido do patrimonio arquitectónico destacan, entre outras, as igrexas de orixe románica de Santa Baia de Alto, Santa María de Cabreiros, Santiago de Camposo, Santiago de Gomeán e Santa Baia de Quinte. Ademais, en Santa María de Cabreiros e na primitiva localización da igrexa de Pedrafita descubríronse sepulcros medievais. San Pedro de Fiz, en Paradela, e Santo André de Chamoso son barrocas, mentres que Santiago de Adai e San Marcos de Chamoso datan do s XIX. Destacan tamén os pazos dos Valcárcel ou do Corgo, de Santa María de Cabreiros e a Casa de Ulloa en Pedrafita. En San Xoán de Cela consérvase a ponte de Neira, de orixe medieval, en Arxemil a ponte de Galiñeiros e en Laxosa, no límite co concello de Lugo, a ponte do Vao do s XVIII. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan as de Nosa Señora, en Laxosa, o terceiro domingo de agosto; Nosa Señora das Angustias, o segundo domingo de setembro; a Virxe das Virtudes, en San Miguel de Pedrafita, a fin de semana seguinte á Ascensión; o Santo Cristo, en Gomeán, o primeiro domingo de setembro; e a romaría dos Milagres, en Arxemil, o 9 de maio.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Lugo
Extensión 157 Km2
Poboación Total 4095 h
Poboación Homes 2075 h
Poboación Mulleres 202 h
Densidade de poboación 26.08 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias