Coristanco

Coristanco


Concello da comarca de Bergantiños, situado na provincia da Coruña ao O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Ponteceso e Carballo (Bergantiños), ao L cos de Tordoia (Ordes) e Carballo, ao S co de Santa Comba (Xallas) e ao O cos de Zas (Terra de Soneira) e Cabana de Bergantiños (Bergantiños). Abrangue unha superficie de 141,1 km 2 cunha poboación de 7.528 h (2007), distribuídos nas parroquias de Agualada, Cereo, Coristanco, Couso, Cuns, Erbecedo, Ferreira, Oca, San Xusto, Santa Baia de Castro, Seavia, Traba, Valenza, Verdes e Xaviña. A capital municipal é o lugar de San Roque, na parroquia de Traba, situado a 43° 11’ de latitude N e 8° 43’ de lonxitude O, 51 km ao NO de Santiago de Compostela e 38 km ao SO da Coruña. Está adscrito ao partido xudicial de Carballo, á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O concello de Coristanco encádrase dentro do dominio climático oceánico húmido, que, pola súa situación na orla prelitoral do Golfo Ártabro, participa dun volume de precipitacións inferiro ao do litoral galego ao S de Fisterra. A temperatura media anual é suave (12,4°C). A media do mes máis frío (xaneiro) é de 7,5°C, mentres que a do mes máis cálido (agosto) é de 17,3°C; deste feito despréndese que existe unha oscilación térmica anual pequena (9,8°C). Polo que se refire ás precipitacións, o total anual é de 1.265 mm. A súa distribución estacional non deixa apreciar tan claramente a seca estival como noutras comarcas da Comunidade Autónoma de Galicia, xa que no verán se recollen o 13,9% das precipitacións, mentres que na primavera a porcentaxe é do 15,8%. O outono e o inverno son as estacións máis chuviosas co 35,2% e o 34,7%, respectivamente, do total anual das precipitacións recollidas. O relevo descende dende o S, no nivel de aplanamento do Xallas e Santa Comba, ata o val do Anllóns, que discorre en dirección L-O a unha altitude media de 100 m. No S é, polo tanto, onde se sitúan as terras máis elevadas, entre as que destaca o Monte Castelo, con 594 m de altitude, enmarcado nun conxunto de montañas que continúa polo L na Serra de Montemaior. Litoloxicamente, nestas serras dominan as rochas básicas e ultrabásicas afectadas por procesos de xistosidade e metamorfismo. Pola contra, o val do Anllóns, ao N de Coristanco, aséntase sobre lousa, aínda que está tapizada de aluvións. O engarzamento entre ambas as superficies realízase a través de pequenos outeiros, de altitudes cercanas aos 300 m, denominados localmente cotóns. A rede hidrográfica do municipio articúlase ao redor de tres concas distintas: ao S a do río Mira, afluente do Xallas; ao SO a do Grande; o resto do territorio de Coristanco pertence á conca do río Anllóns, que recibe numerosos regos, sobre todo pola súa esquerda, procedentes do rebordo da meseta do Xallas coa orla litoral e prelitoral. Polo que respecta á vexetación, as frondosas autóctonas foron substituídas maioritariamente por outras especies de crecemento rápido e de maior rendibilidade económica a curto prazo, entre as que destacan os eucaliptos e os piñeiros.
Xeografía humana
O concello de Coristanco experimentou, de xeito continuo e na maior parte do s XX, como evolución demográfica positiva, unha prolongación da tendencia constatable no remate do s XIX. Dende 1887, ano dos primeiros datos censuais dispoñibles, ata 1981, a poboación de Coristanco mantivo sempre unha liña ascendente no seu número. Especialmente significativo foi o crecemento na década dos corenta, cando se pasou de 7.338 a 8.414 h, cunha taxa de crecemento medio anual do 1,46%; isto foi posible debido á conxunción de varios factores que repercutiron principalmente nos fenómenos emigratorios, practicamente nulos durante este período (repercusión da crise económica mundial dos anos trinta; o conflicto bélico no que estaban directa ou indirectamente implicados os países tradicionalmente receptores, etc). Nas décadas seguintes, a diferencia doutros concellos do interior de Galicia, a poboación seguiu a medrar, ata acadar en 1981 o máximo demográfico da súa historia censual, con 10.187 h. Na década dos oitenta, o avellentamento da poboación provocou unha caída das taxas de natalidade que se manifesta nun crecemento intercensual do -1,7%, que chegou aos 8.388 h en 1991. Na primeira metade do período seguinte (ata 1996) experimentou un pequeno crecemento da poboación ata chegar aos 8.416 h. Non obstante , no censo de 2001 a poboación descendeu a 7.962 h, mingua que continuou no padrón de 2007, 7.528 h. Esta perda de poboación reflictese nun crecemento vexetativo (2006) de signo negativo (5,7‰), froito dunha baixa natalidade (4,9‰) e unha mortalidade elevada (10,6‰). A estrutura por idades da poboación reflicte un certo avellentamento pois os maiores de 65 anos representa o 26,5% da poboación fronte ao 13% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 60,6%. Por sexos dominan as mulleres, 51,48% fronte ao 48,51% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Corsistanco é do 47,8% (59,2% a masculina e 37% a feminina); a taxa de ocupación é do 43,7% (54,5% a masculina e 33,4% a feminina) e a taxa de paro é do 8,8% (8,1% a masculina e 9,8% a feminina). A economía do concello de Coristanco presenta un perfil bastante peculiar, pois a construción é a actividade que máis activos ocupa, e supón o 29,7% dos empregos totais. A prol do desenvolvemento desta actividade actúa a relativa proximidade das áreas urbanas da Coruña e da propia comarca de Bergantiños. Tamén a industria participa de xeito notable do emprego local, pois o 25,8% dos traballadores residentes no municipio desenvolven a súa actividade laboral neste sector. As actividades agropecuarias, pola súa banda, proporciónanlle emprego ao 13,9% da poboación ocupada. Dunha superficie agrícola útil total de 5.324 ha, dedícanse a prados e pasteiros unhas 1.558 ha, e outras 1.246 ha ao cultivo de forraxeiras. Isto dá unha idea da relevancia da gandería no concello que, a pesar de que non é a actividade máis importante, si ten un notable peso, como pon de manifesto o armentío bovino, que supera as 5.000 cabezas (2007). Entre as actividades agropecuarias, a agricultura ocupa un lugar destacado, con 3.736 ha dedicadas a superficie cultivada. Dentro dos cultivos, o máis importante é a pataca, á que se dedica o 26,7% do total da superficie cultivada. A pataca deste concello é, xunto coa da Limia, a máis recoñecida de toda Galicia. Destaca tamén o cultivo de cereais, como o millo (539 ha) ou o trigo (248 ha). Menos importancia ten o cultivo do centeo (propio de zonas de clima máis frío) ou os cultivos de horta. Hai que salientar, dentro das actividades agrarias, os beneficios derivados da instalación no municipio dunha Escola de Formación Agraria, así como dos avances que se deron nos últimos tempos, tanto no cooperativismo coma no incremento da motorización e a introducción da maquinaria agrícola. Dentro do sector terciario, no que se emprega un 30,6% do total da poboación ocupada, destacan, sobre todo, a actividade comercial (focalizada nos núcleos de San Roque, capital municipal, e Agualada) e a derivada dos transportes e as comunicacións, que son as dúas subramas que máis postos de traballo xeran. A rede viaria de Coristanco articúlase a partir da estrada AC-552 (A Coruña-Fisterra) que atravesa o concello de L a O; á súa beira medraron os dous núcleos de poboación que se converteron nos máis importantes do concello, San Roque e Agualada. O resto das vías de comunicacións terrestres constitúeno unha mesta rede de estradas locais e pistas que comunican, entre si e co exterior do municipio, todos os lugares.
Historia
O poboamento antigo foi considerable en Coristanco, como poñen de manifesto os restos do período Paleolítico, entre eles, o biface de Braña Rubia. Consérvanse abundantes restos do período Neolítico, como o conxunto de catro mámoas do monte de Lume de Suso. Os vestixios do Bronce, como as puntas de lanza localizadas nas inmediacións da Lagoa de Alcaián ou unha machada de tope, atopada preto de Agualada, evidencian a continuidade do poboamento. Do período castrexo catalogáronse oito castros no concello: o de San Martiño de Oca, o das Picureas, o de Santa Cecilia ou do Cotón, o das Croas, o de Lume de Suso, o de Vilar, o de Insua e o do Portal. Consérvanse escasos restos romanos, a excepción dunha inscrición nunha ara romana localizada na capela de San Roque de Par das Torres de Nogueira, en Seavia. Segundo algúns historiadores puido existir unha vía romana que entraría polo concello pola ponte de Lubián, que conserva algúns elementos desta época e que se atopa entre os concellos de Carballo e Coristanco. Na Idade Media, o concello de Coristanco estaba sometido ao señorío eclesiástico do mosteiro benedictino de San Mamede de Seavia e do arcebispado de Santiago, mentres o señorío laico exercíano as familias dos Bermúdez de Castro das Torres de Nogueira, os Vilardefrancos do pazo de Ferreiros, os Pardiñas de Cereo e os Cancela de Arixón, entre outros. O mosteiro de Seavia converteuse en priorado de San Paio de Antealtares trala reforma dos Reis Católicos (1499). O señorío de Nogueira apareceu no s XV, froito dunha cesión do abade do mosteiro de Seavia, e en 1639 exerceu xurisdición sobre todo o couto de Nogueira. En 1830, o señorío de Nogueira estendíase polos coutos de Nogueira e Seavia. Dende o punto de vista administrativo, no Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Coristanco estaban adscritas ás xurisdicións de Ardaña (Erbecedo), Bergantiños (Traba), Mens (parroquias de Cereo, Coristanco, Oca e Valenza), Seavia e Nogueira (Seavia), Xaviña (Castro, Ferreira, San Xusto, Verdes e Xaviña) e Xallas (Couso e Cuns). A parroquia de Agualada constituía un couto redondo. Todas as xurisdicións pertencían á provincia de Santiago, agás as dúas primeiras (Ardaña e Bergantiños) que estaban integradas na provincia da Coruña. O señorío da maior parte das parroquias correspondíalles ás corporacións eclesiásticas: deste xeito, as monxas compostelás de San Paio de Antealtares compartían con varios fidalgos a parroquia de Seavia, mentres que o mosteiro bieito de San Martiño Pinario e o arcebispo de Santiago dominaban, respectivamente, as xurisdicións de Xaviña e Xallas. O conde de Altamira era señor de Mens, o de Ribadavia administraba o couto de Agualada e o de Graxal compartía Erbecedo con fidalgos. Pola súa parte, a parroquia de Traba pertencía á xurisdición de reguengo de Bergantiños. A Constitución proclamada en Cádiz o 19 de marzo de 1812 suprimiu esta administración señorial, que foi substituída por un sistema municipalista. Creouse así o concello de Coristanco, integrado no partido de Sísamo e na provincia de Galicia. Este primeiro concello tivo vixencia ata 1814, cando o Rei Fernando VII derrogou a Constitución e restaurou a organización territorial propia do Antigo Réxime. O golpe do coronel Riego permitiu inaugurar en 1820 un segundo período constitucionalista e municipalista, que se prolongou ata 1823; nestes anos, concretamente en 1822, o concello de Coristanco integrouse na nova provincia da Coruña. A segunda derrogación da Constitución rehabilitou a administración señorial en 1823. En 1835 implantouse definitivamente o municipalismo; daquela, o concello de Coristanco integrouse no partido xudicial de Carballo. Malia que a deputación provincial acordou a desaparición do concello de Coristanco en 1842, esta resolución non se aplicou, polo que a delimitación orixinal do municipio non sufriu modificacións.
Patrimonio cultural
Ademais dos castros mencionados, destaca a presenza da ponte de Lubián, situada entre os concellos de Coristanco e Carballo. Trátase dunha construción probablemente romana, modificada nos ss XV e XVIII. Do primitivo mosteiro románico de Seavia só se conservan uns canzorros na igrexa de San Mamede de Seavia, construída en 1902 xunto á casa rectoral, o cemiterio e a fonte do Carme. Como mostra do barroco, consérvase a igrexa de Santa Baia de Castro, construída en 1736. En Seavia está unha das dúas torres de Nogueira, declarada BIC en 1994. Entre os pazos conservados no concello destacan o de Cereo Vello, Arixón (Seavia) e Ponte en Verdes. En Ferreiros consérvase unha antiga casa que pertenceu a un dos descendentes de María Pita. Na parroquia de Verdes, no límite co concello de Ponteceso, sitúase a ponte de Pontedoma. No eido da arquitectura popular destaca o cruceiro de Rabadeira, construído antes do 1600. O concello conta con dous lugares naturais de especial interese: a lagoa de Alcaián, coñecida como a Braña Rubia, e o refuxio de Verdes, ás beiras do río Anllóns. Entre as festas que teñen lugar no concello cómpre destacar as romarías de Santo Antonio de Agualada, no mes de xuño; a de Santa Ana, en San Mamede de Seavia, a véspera do día da Ascensión; e a festa da Pataca, en San Roque, no mes de setembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Bergantiños
Extensión 141 Km2
Poboación Total 7528 h
Poboación Homes 3652 h
Poboación Mulleres 3876 h
Densidade de poboación 53.39 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias