Corme e Laxe, Ría de
Ría do litoral NO da Comunidade Autónoma de Galicia, na Costa da Morte. Ábrese na desembocadura do río Anllóns sobre unha litoloxía granítica de cronoloxía hercínica, fracturada en dirección LSL-ONO. O seu límite setentrional constitúeo a punta do Roncudo, no litoral occidental da parroquia de Corme-Porto (concello de Ponteceso), mentres que polo S péchaa o cabo de Laxe, na parroquia e concello homónimos. Entre estes dous puntos a ría rexistra a súa máxima amplitude, cuns 4.750 m. No fondo da ría, no esteiro do Anllóns (enseada da Insua), as achegas de sedimentos fluviais provocaron a aparición dunha barra areosa (a praia de Enmedio), que segue a dirección NL-SO dunha banda de xistos e paragneises do Precámbrico, afundida e asolagada neste sector. Polo que respecta aos asentamentos humanos, cómpre salientar a vila de Laxe, na beira meridional, e a parroquia de Corme-Porto, na parte setentrional, ambos os dous localizados en lugares resgardados que permiten un certo desenvolvemento das actividades portuarias.