Corre Carmela que chove

Corre Carmela que chove
[COMUN]

Programa radiofónico humorístico que se emitiu en Radio Voz Galicia os domingos ao mediodía, formado por dous presentadores, un cantante e cinco actores que imitaban máis de setenta voces de coñecidos persoeiros. Tivo dúas etapas: na primeira (1993-1995) participaron Xacobo Pérez, Moisés Morales, Carlos Jiménez, Paco Lodeiro, J. A. López de Alba, Siro López e o cantautor Santiago Rouco; na segunda (1996-1998) integráronse Leo Toral (Paco Vázquez), Alexandre Rodríguez Pipo (Arsenio Iglesias), Fernando Acebal (Felipe González) e o cantautor O Parga, xunto con Siro López, López de Alba, Xacobo Pérez (Fraga e Xoán Paulo II) e Moisés Morales (Aznar). Combinaban o seu traballo no estudo con actuacións en directo en diversos auditorios de Galicia e Madrid. Obtivo o Premio de Comunicación da Xunta de Galicia ao mellor programa radiofónico (1994), o Premio Curuxa do Museo do Humor de Fene (1994) e o Premio da Asociación Profesional Española de Informadores de Prensa, Radio e Televisión (1998).

Palabras veciñas

corraña | corrasión | corre | Corre Carmela que chove | correa | Correa | Correa Calderón, Evaristo