cortiza

cortiza

(< lat corticĕa, f decorticĕu ‘de codia, de cortiza’)

  1. s f [BOT/IND]

    Parte exterior da codia dalgunhas árbores, especialmente da sobreira, constituída por un tecido lixeiro (dunha densidade de 0,240 g/cm 3 ), poroso e impermeable, que protexe os troncos, as pólas e as raíces grandes. As células que constitúen este tecido están impregnadas de suberina, que lles confire impermeabilidade. O máis espeso e comunmente empregado é o da sobreira, que ten a propiedade de formar unha nova capa moi fina e homoxénea despois de descortizala. No aproveitamento da cortiza distínguense dúas fases: na primeira, escáscase a árbore e, na posterior -que se realiza cada vez que o seu grosor é duns 25 mm, isto é, cada 5-10 anos, segundo a natureza do solo, a latitude e as condicións meteorolóxicas-, a cortiza que se obtén prénsase, déixase secar ata perder a auga que representa o 15-20% do peso, trátase en quente (con auga fervendo ou vapor) para darlle maior elasticidade, ráspase mecanicamente para eliminar a capa superficial e sométese a operacións de acabado dos bordos. A cortiza emprégase na fabricación de tapóns, flotadores para aparellos de pesca, salvavidas e placas de illantes térmicos ou acústicos, entre outros obxectos. A produción mundial de cortiza concéntrase case totalmente na área mediterránea, incluído Portugal, que é o primeiro produtor seguido de España.

  2. s f

    Obxecto elaborado coa codia da sobreira.

    Ex: Houbo que cambiar as cortizas do aparello despois do temporal. Tireille a cortiza cun sacarrollas.

  3. s f

    cortizo.

Formas incorrectas

corcho