cortizol

cortizol
  1. s m [ANIMAL/ORNIT]

    Ave da familia dos pteroclídidos de vida terrestre. Presenta un aspecto groso e plumaxe de cores crípticas, con patas moi curtas e cubertas de plumas, ás e cola longas e afiadas, e voo veloz. Habita en ambientes abertos e áridos de Eurasia e África. Ten unha dieta basicamente granívora. Aniña no chan e percorre longas distancias, ata máis de 30 km nalgúns casos, ata chegar aos lugares que emprega como bebedoiros, onde enchoupa as plumas do ventre para que beban delas as crías.

  2. cortizol de Lichtenstein

    Ave de 25 cm de lonxitude, que presenta unha coloración xeral ocre, densamente listada de negro e con dúas franxas estreitas no peito. É unha especie sedentaria que vive nos semidesertos de rexións rochosas e de montaña, en áreas dispersas que van dende Marrocos a través de África, ata Arabia e Paquistán.

  3. cortizol de Pallas

    Ave de entre 35 e 40 cm de lonxitude, que presenta unha franxa negra na parte baixa do ventre, cola longa e afiada, e a parte inferior das ás de cor branca. Distribúese polo centro de Asia e o norte de China, aínda que pode aparecer como ave accidental en Europa.

  4. cortizol salferido [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 31 cm de lonxitude. De plumaxe pálida, ten a parte posterior das ás coa metade anterior branca e a metade posterior negra. O macho presenta a cabeza, o pescozo e o peito cinsentos, as meixelas e a gorxa de cor laranxa, o ventre cunha franxa negra e as partes superiores de cor ocre con pintas máis claras. A femia ten a gorxa dunha cor laranxa pálida e o resto da plumaxe con pintas negras. Distribúese polo norte de África e Oriente Próximo, e aparece como ave divagante no sur de Europa.

  5. cortizol ventrialbar [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 31 cm de lonxitude, co ventre e as partes inferiores das ás de cor branca, unha franxa no peito de cor vermella e a cola longa e afiada. Distribúese por rexións esteparias de clima árido que van dende a Península Ibérica, polo norte de África e Oriente Medio, ata Kazakhstán. Na Península Ibérica localízase en chairas interiores desarborizadas, especialmente no val do Ebro e na Meseta Sur.

  6. cortizol ventrimouro [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de ata 35 cm de lonxitude, con ventre de cor negra, primarias negras e cola non moi longa. Habita en chairas, as máis das veces sen presenza de árbores, localizadas nas rexións esteparias de clima semiárido. Presenta dous núcleos poboacionais, un na Península Ibérica e no norte de África, e outro que vai dende Anatolia ata Afganistán. Na Península Ibérica está presente no val do Ebro, Castela-A Mancha, Castela e León, Extremadura e Andalucía.

Palabras veciñas

cortizo | Cortizo | Cortizo Nieto, Miguel Anxo | cortizol | corto -ta | Corto Maltés | cortón